Bisbarra, 3 de maio do 2024 – Feiraco celebra o Día das Letras Galegas poñendo en marcha o XII Certame de Microrrelatos, presentado esta semana en Compostela.

A librería Follas Novas acolleu o evento de Feiraco que ten como obxectivo contar coa maior participación posible da sociedade galega a través de dúas categorías, unha para adultos e outra para estudantes.
Na presentación participaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora do departamento de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; Rafael Silva, fundador da Librería Follas Novas; e a comunicadora do coñecido programa de divulgación lingüística “Digocho Eu”, Esther Estévez, como madriña da iniciativa.
A empresa láctea FEIRACO, integrada na cooperativa rural galega CLUN, e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude buscan con a duodécima edición deste certame promover a lectura en galego á vez que o coñecemento, e o uso e a divulgación do idioma galego.
Na anterior edición, que contou cunha boa participación, gañaron os colexios CEIP Nosa Señora das Dores, de A Coruña, e o IES Urbano Lugrís, de Pontevedra.
Practica a “Leiteratura”
A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey, explica que “con este certame queremos reivindicar a lectura facendo un chamamento a practicar a Leiteratura. Xa que a lectura e o leite maridan moi ben, e aportan noso momento de desconexión diario que precisamos”.
Juan Gallástegui, director xeral de CLUN, destaca que “o leite e a literatura son dous dos principais produtos de Galicia. A súa unión fala de pasado, presente e futuro. Fala dos galegos e galegas e do que somos quen de conseguir co esforzo de cada día. E que mellor día para celebrar este propósito que o Día das Letras Galegas”.
Pola súa banda, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou a novidade desta edición, que inclúe por primeira vez a participación do público adulto “pero sen deixar de lado á mocidade, na que radica o futuro da nosa lingua e á que alentamos sempre a soñar, crear e imaxinar na lingua propia ao igual que no seu día fixo Luísa Villalta”.
Dúas categorías
Os relatos deberán ser orixinais, estar escritos en galego, ter un máximo de 500 palabras e de temática libre, coa única condición de que a historia comece coa frase: “Púxenme a escoitar…”.
As persoas participantes na categoría de adultos(maiores de 18 anos) deberán subir os seus escritos en formato PDF á web https://leiteratura.feiraco.es/ do 23 de abril ao 18 de maio.
No caso da categoría xuvenil (entre 12 e 18 anos), será o profesorado de cada centro educativo galego quen seleccionará o mellor relato presentado polo alumnado e o subirá entre o 8 de abril ao 18 de maio ao mesmo sitio web.
Un xurado conformado por persoal de Feiraco e da Secretaría Xeral da Lingua seleccionará os tres relatos premiados de cada categoría de acordo a tres criterios: orixinalidade e creatividade da historia, coidada redacción e uso correcto da lingua galega. Todas as persoas premiadas levarán un lote de produtos Feiraco. A maiores, o primeiro premio sumará un ano de libros en galego e un agasallo especial: unha vaca suxeitalibros de FEIRACO feita por un artesán galego en madeira de bidueiro; o segundo premio levará un ano de libros en galego; e o terceiro premio incluirá unha selección de libros de Luisa Villalta.