Bisbarra, 21 de decembro do 2023 – Os concelleiros do BNG de Touro, Boqueixón, Vedra, Teo e Padrón piden que se controle o cambio de usos de terreos para destinalos a cultivo intensivo de viñedos na zona do Ulla.
Os nacionalistas queren mostrar a súa preocupación e a da veciñanza polos “gravísimos problemas medioambientais, económicos e sanitarios que derivan deste proceso crecente nas terras do Val do Ulla”.
Os grupos municipais do BNG alertan así dos efectos negativos que, a curto e longo prazo, ten esta modificación do uso dos terreos que está a provocar, xa no inicio, a tala de grandes masas de bosque autóctono, mesmo de bosque de ribeira, eliminando así o papel ecolóxico que compren, conlevando tamén o arrastre de terra cara os canles fluviais polas augas de enxurrada.
Denuncian tamén que o uso na Ulla de grandes extensións de terreo para viñedos significa “a eliminación de terras agrarias, reducindo a súa dispoñibilidade para as explotación agrogandeiras co consecuente incremento do seu prezo, así como o aumento do consumo de auga para o regadío destes cultivos”, coas implicacións económicas e de emprego que supón para os concellos.
Xunto a estes efectos derivados da transformación progresiva dos terreos, o BNG denuncia tamén que este cultivo intensivo en grandes extensións tamén vai supor o uso de enormes cantidades de fitosanitarios para o seu tratamento, en especial pola propia climatoloxía da zona.
Alertan do perigo para a saúde de persoas e animais xa que produtos usados espallaranse polo aire atinxindo outros cultivos –incluíndo cultivos ecolóxicos-, acumulándose tamén nas augas e no solo.
“En definitiva, estamos ante un modelo de monocultivo do que se van a beneficiar exclusivamente as grandes bodegas e que está moi lonxe do modelo agrario presente na zona, que combina viñedos con bosque e con pastos e terreos para forraxe, moito máis sostíbel, menos contaminante, xerador de riqueza na zona e fixador de poboación”, defenden as agrupacións do BNG da zona do Ulla.
Apoio á veciñanza
O problema máis acuciante na actualidade concéntrase nos concellos de Vedra e Boqueixón pero o proceso está en marcha e, moi probablemente, afectará da mesma maneira ao concello de Teo e a distintas parroquias de Touro e Padrón, incluídas tamén na D.O. Rias Baixas, por citar só os concellos integrados na que o BNG denomina comarca de Santiago.
Por todo isto, os grupos municipais do BNG nos concellos de Boqueixón, Vedra, Teo, Touro e Padrón, presentaron iniciativas en cada un deles solicitando que desde os gobernos municipais se apoie a veciñanza nas súas demandas co fin de que as novas plantacións se fagan de maneira ordenada e respectando os seus medios e modos de vida, así como a calidade da súa vida.
Así mesmo, e á vista das dúbidas suscitadas sobre o cumprimento dos condicionantes ou medidas correctoras impostas a procesos autorizados, solicítase que os concellos, que son, ou deben ser, coñecedores de tales medidas, “fagan seguimento de que se cumpran, porque responden á necesidade de preservar o medio ambiente do que o conxunto da cidadanía é beneficiaria”.
No que fai a futuros proxectos, demándase que calquera informe que se solicite ao goberno municipal para cambio de uso de solo forestal a agrario para plantación de viñedos de forma intensiva no concello sexa emitido logo dun estudo rigoroso e que teña en conta os cambios xa autorizados e os previsíbeis. O estudo incluirá os efectos que se poidan derivar de dito cambio (ambiental, económico, sinérxico…), e garantirá que se respecten as masas de bosques autóctonos, a protección das contornas dos núcleos rurais e vivendas e das explotacións agrarias ecolóxicas ou sostíbeis, as brañas, humedais e zonas de ribeira dos cursos fluviais, así como a aceptación social de dito proxecto.