Bisbarra, 6 de xullo do 2023 – O BNG levou ao pleno do Parlamento a situación da mina de San Finx e denunciou os incumprimentos da empresa dos requisitos marcados por Augas de Galicia.
A deputada nacionalista Rosana Pérez reclamou do goberno “respecto” polas miles de persoas da comarca de Muros-Noia que, dixo, levan anos sufrindo a “abandono de funcións” respecto da mina de San Finx, no Concello de Lousame, e a súa afectación a unha das rías “máis produtivas e potentes” do país.
Tamén denunciou que pese ao longo procedemento, que cualificou de “longo e turbio”, a Xunta concedese este ano unha nova autorización de residuos industriais que xa contempla a posterior reapertura da actividade mineira e que, ademais, xa se está a incumprir.
Rosana Pérez apuntou varios dos 18 condicionantes impostos por Augas de Galicia á empresa, e precisou que o prazo de execución das obras da planta de tratamento remataba o 1 de xullo, “pero alí só hai unha explanada de terra e unha manchea de tubos apilados á porta da mina”.
Pregunta por urxencia
A intervención da deputada do Bloque nace dunha pregunta presentada por urxencia pola formación tras a reapertura da causa penal contra o ex director xeral de Enerxía de Minas Bernardo Tahoces. e outros funcionarios do mesmo departamento da Xunta imputados por presunta falsidade en documento público.
A nacionalista lembrou que o ex director xeral “deixou as presas de residuos mineiros de San Finx fóra do proxecto de restauración” e que ditas presas se recollían nun informe “non como balsas de residuos industriais, senón como parte dunha central hidroeléctrica que non existía e onde a máis grande ten 50 metros de longo e 14 de alto, que pecha un val fluvial cun dique de contención e que se quixo facer pasar por un pequeno muiño”.