Bisbarra, 17 de xaneiro do 2020 – Colectivos veciñais de distintos concellos, a maioría da bisbarra de Compostela, crean a Rede Galega por un Rural Vivo.
Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo, Outes, Mazaricos, A Baña, Samos, Negreira, Ponteceso, Carballo, Santa Comba e Coristanco son os concellos desde que nace esta Rede Galega por Un Rural Vivo.
Entre os principais obxectivos está paralizar os proxectos de parques eólicos que consideran abusivos e incompatibles co benestar no rural. Buscan unir forzas para “conseguir un rural máis protexido cun marco legal máis xusto co rural e co medio”.
Os parques eólicos no punto de mira
O colectivo considera que se está a converter o rural nun parque industrial. Poñen como exemplo o Rexistro Eólico de Galicia no que se pode vera a gran cantidade de parques solicitados ou xa en tramitación, ademais do que xa están operativos.
Un modelo que empobrece
A Rede por un Rural Vivo explica que os parques eólicos, si se implantan de xeito abusivo, poñen en risco a seguridade, a saúde e a economía das persoas que viven nesas zonas, ademáis da afectación grave ó patrimonio natural, histórico e inmaterial, ó impacto na paisaxe e á perda de superficie agraria e forestal.
Os colectivos veciñais aseguran non están en contra da enerxía renovable. Din estar en contra “dun sistema de produción enerxética que concentra esta produción nunha comunidade, a galega, converténdoa nun territorio de sacrificio para producir enerxía que será transportada a centos de quilómetros para o seu consumo, perdendo moita enerxía no transporte. Hai que ter en conta que este modelo productivo empobrece ás localidades onde se xera a enerxía e reduce o potencial crecemento destas áreas que a miúdo contan coa paisaxe e o entorno natural como reclamo económico e de benestar social, o que axuda a crear negocio localmente e asentar poboación, cousa que os proxectos eólicos destas empresas multinacionais non poderán achegar nunca á comunidade rural”.
Estudar alternativas
A Rede tamén procurará estudar e divulgar outras formas de produción de enerxía máis xustas, como o autoconsumo ou a produción de enerxía colectivizada para consumo local.