Bisbarra, 21 de marzo do 2024 – desde o vindeiro luns día 25 a Xunta de Galicia mellorará as conexións de autobús cos hospitais de Santiago para os usuarios de Oroso, Ordes ou Lalín.
O obxectivo principal é mellorar a conectividade do colectivo de traballadores sanitarios adaptando os servizos ás quendas de traballo. En Oroso reforzarase o servizo de bus que funciona como lanzadeira e mellórase a coordinación para os transbordos nas liñas entre Santiago e Oroso.
Para facilitar os desprazamentos créanse dúas novas expedicións, unha de ida con saída de Ordes ás 06,40 horas e unha de volta con saída de Santiago ás 22,20 horas. Nos horarios de maior demanda, de luns a venres laborables no cambio de quenda das 08,00 horas e na saída das 14,00 horas, o treito entre a estación e os complexos sanitarios prestarase de xeito independente para os dous hospitais.
A liña de Lalín continuará ata o hospital Clínico. Ao mesmo tempo unha lanzadeira conectará a estación co hospital de Conxo. En ámbolos dous casos levando tamén ós usuarios de Oroso.
A nova configuración cumpre un dobre obxectivo. O primeiro, evitar o percorrido polos complexos sanitarios aos usuarios que non se dirixen aos hospitais (neste momento un 58% baixan ou acceden na estación intermodal). E segundo, permitir o enlace dos servizos con outras liñas para facilitar o acceso dos usuarios dos corredores de Oroso e A Estrada ata os seus hospitais, asegurando a marxe de tempo necesaria para a entrada e a saída nas tres quendas de traballo do día.
O alcalde, Alex Doval, expresou o seu sincero agradecemento á Xunta de Galicia por facer realidade a solicitude de mellora no acceso ao traballo para os profesionais sanitarios de Oroso “Esta colaboración entre o goberno local e rexional exemplifica o poder da acción comunitaria e o compromiso coa calidade de vida dos cidadáns”.