Compostela, 10 de xuño do 2018 – A editorial Kalandraka e Chévere presentaron na SELIC, a Semana do Libro de Compostela, a Biblioteca de Teatro.
A Biblioteca de Teatro recolle tres volumes correspondentes con tres das pezas teatrais de Chévere. A colección comezou con Río Bravo (Premio da Gala do Libro Galego 2018 ao Mellor Libro de Teatro) e Citizen e Eurozone serán os próximos en saír do prelo. A presentación dentro da SELIC contou cos compoñentes do grupo que interpretaron pezas musicais de Río Bravo, Ultranoite no país dos ananos e Eroski Paraiso.
Na presentación da Biblioteca de Teatro participaron Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Arantza Villar e Manuel Cortés por parte de Chévere, canda os músicos do grupo, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián, aos que se sumou a banda Terbutalina para interpretar o tema final de “Eroski Paraíso”. Con esta peza gañou o Premio María Casares 2017 á Mellor Música Orixinal.
A Biblioteca de Teatro é unha iniciativa conxunta de Chévere, con 30 anos de traxectoria sobre os escenarios, e de Kalandraka, que vén de cumprir dúas décadas de produción editorial. A colección pretende documentar o teatro “feito a pé de escenario” e poñer a disposición do público as obras completas de Chévere “para seguir gozando delas cando se pecha o pano”.