Compostela, 20 de febreiro do 2018 – Santiago acollerá no mes de abril o Congreso Estatal de Mulleres avogadas no que colabora a Deputación da Coruña.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho a Diana Otero e Montse Vale, representantes da Asociación de Executivas de Galicia, que está a organizar o Congreso Estatal de Mulleres Avogadas, que se celebrará do 13 a 15 de abril. Na reunión participou tamén o deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luís García.
As representantes da entidade presentaron o programa do Congreso, que se celebra cada ano nunha cidade española, e que nesta edición terá como temáticas centrais a custodia compartida, a maternidade subrogada e os novos modelos de familia, todo elo dende unha perspectiva de xénero.
O simposio analizará ademais, a través de mesas redondas nas que participarán diversos especialistas, cuestións como a discriminación salarial da muller ou o secuestro internacional de menores.
González Formoso felicitou á entidade por traer á capital de Galicia este congreso, que reunirá a decenas de mulleres profesionais do Dereito de toda España, para abordar cuestións de plena actualidade xurídica e interese para o conxunto de sociedade.
A Deputación da Coruña colaborará co Congreso coa edición de carteis e material informativo que se realizará na imprenta provincial.