Arzúa, 23 de outubro do 2019 – O Concello de Arzúa inicia unha nova campaña para dinamizar as compras no municipio e faino organizando a sétima edición do Día do Comercio Local, que se celebrará o 8 de decembro.
O Día do Comercio Local pretende continuar a promoción do comercio e a hostalaría do municipio aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal. Como en anos anteriores, organizarase unha xornada con actividades, promocións e animación de rúa.
Para poder deseñar unha proposta atractiva para o público en xeral, o Concello pide a colaboración, por un lado, do comercio para que ese día ofrezan descontos, sorteos, vales de merca ou outras promocións.
Animan tamén aos locais hostaleiros a que se involucren nunha ruta de tapas para promocionar a gastronomía e os produtos de calidade da zona, así como, ao mesmo tempo, os nosos restaurantes, bares e cafeterías.
Como nas anteriores edicións, desde o Concello de Arzúa difundirase o evento, programaranse actividades complementarias e elaboraranse programas de man e cartelería con toda a información das actividades e das propostas que os locais comerciais e hostaleiros vaian definindo.
Os empresarios e empresarias interesados en participar deberanse anotar no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao teléfono 981 500 222. A inscrición é gratuíta e o prazo remata o vindeiro 7 de novembro.
A Concelleira de Promoción Económica, Mari Carmen Fuentes, anima a todos os comerciantes do municipio a participar nesta iniciativa que “supón un importante revulsivo para o noso comercio e convida a todos os veciños e veciñas a anotar nas súas axendas esta importante cita que lles permitirá coñecer a ampla oferta comercial do sector e desfrutar das vantaxes do comercio de proximidade”.