Arzúa, 21 de maio do 2020 – A concelleira de Arzúa, Begoña Balado, reuniuse con representantes do sector turístico para estudar necesidades e priorizar accións a desenvolver no futuro.
Na cita, celebrada de xeito virtual, estiveron presentes persoas do comercio local, dos albergues, da restauración, dos hoteis e doutros colectivos relacionados co sector turístico. Coa idea de coñecer de primeira man a situación actual na que se atopan os empresarios locais do sector a raíz da crise xerada polo covid-19, a concelleira de turismo escoitou as demandas dos afectados para poder ir dando os primeiros pasos dunha resposta que axude a coller impulso a un dos eixes importantes do tecido económico do municipio.
As persoas que participaron no encontro coincidiron en destacar a necesidade de que se articule unha regulación que lles garanta a apertura dos seus negocios con total seguridade, tanto para o seu persoal como para a súa clientela. Incidiron ademais na importancia de aunar esforzos para camiñar dun xeito coordinado de cara a facer de Arzúa un destino seguro.
Balado asegurou o compromiso do goberno local para o impulso de medidas que permitan, na medida do posible e dacordo cos recursos dispoñibles, anticiparse e contribuír a paliar os efectos do impacto económico producido pola crise sanitaria neste sector.
A concelleira socialista explicou que “durante as pasadas semanas o equipo de goberno traballou en dar resposta ás necesidades máis urxentes de diferentes colectivos e agora estamos estudando posibles vías de colaboración para a reactivación do sector turístico, entre moitas outras medidas”.
O goberno local tratará de potenciar os diversos e valiosos recursos turísticos que posúe o noso municipio, planificando acción vinculadas ao Camiño de Santiago, ás enormes posibilidades do turismo rural, ás rutas de sendeirismo e á posta en valor do noso produto estrela, o queixo con denominación de orixe Arzúa-Ulloa.
En palabras de Begoña Balado “o goberno municipal intentará colaborar e ser útil no impulso de todas aquelas medidas que economicamente resulten viables e conten co respaldo do persoal técnico municipal que é quen debe informar e avalar a súa idoneidade”.
En canto sexa posible, o concello de Arzúa dará a coñecer as accións concretas que se irán poñendo en práctica, unha vez se avance nas fases da desescalada e se coñezan de xeito máis concreto as directrices e as normativas ás que obrigan as administración estatais e autonómica. É fundamental coñecer con certeza, insiste Begoña Balado, “o papel que finalmente deberán asumir os concellos na xestión dun futuro tan complexo como esperanzador”.