Arzúa, 23 de xaneiro do 2018 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o Entroido catro días de actividades co protagonismo dos disfraces, da música e das actividades infantís.
O Entroido en Arzúa comezará o domingo 4 co concurso de disfraces. O desfile sairá desde o pavillón Terra do Queixo onde rematará de novos despois de recorrer as rúas da vila. Ao remate entregaranse os premios que chegan aos 2.000 euros entre as distintas categorías (comparsas, grupos, individual infantil e individual adulto).
As actividades continúan o domingo, día 11 de febreiro, co grupo de gaitas Castro Curbín que animará coa súa música as rúas e bares da vila de doce do mediodía a tres da tarde.
Na xornada do luns 12 a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro acollerá o espectáculo infantil Contos para vestirse de Entroido a cargo de Caxoto Contacontos a partir das cinco e media da tarde. Trátase dunha proposta que permitirá aos máis pequenos e pequenas da casa participar activamente, disfrazándose para interpretar algunhas das historias que escoitarán.
O Entroido rematará o martes día 13 cunha festa no que os asistentes poderán bailar co trío musical Sintonía e disfrutar dunha merenda a base de chocolate e doces variados. A cita contará con inchables infantís. Todo isto será de seis a nove da tarde na Praza de Galiza ou, se o tempo non acompaña, no Multiusos Terra do Queixo.