займ срочно

Ames abre un punto de información turística, e de atención ao peregrino, no Milladoiro

0

Bisbarra, 13 de xullo do 2023 – Ames, conta xa cun punto de información turística e ao peregrino ao carón do Camiño Portugués, da área de autocaravanas e do albergue do Milladoiro.

Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Ten o obxectivo de acoller e prestar atención e información sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, foi o encargado de presentar aos medios o punto de información xunto á técnica técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. Na presentación tamén participou José Manuel Guldrís, párroco de San José do Milladoiro;  Enrique Repiso Pacheco, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Eugenia González ecónoma da Asociación e xerente do Albergue do Milladoiro; e mailos/as mozos/as que atenden dito punto informativo: Daniel Lorenzo Estévez e Noa López Souto.

O punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro está situado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, nunha zona na que se constrúe un hotel que estará situado na rúa Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro, fronte á cafetería Central, polo que poderá facilitar información a posibles turistas.

O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, Enrique Repiso Pacheco, explicou que “a asociación administra o albergue de peregrinos do Milladoiro e ademais imos a xestionar este punto de atención ao peregrino e de información turística co que estamos creando dous novos postos de traballo.

Este é un dos obxectivos da asociación, que é darlle ás persoas xoves a oportunidades de acceder a un primeiro emprego. Este punto está nun lugar estratéxico dentro do Camiño Portugués, que está medrando ano tras ano, e que necesita ter puntos de información que lles facilite datos e atención aos peregrinos”.

Eugenia González, ecónoma da Asociación e xerente do albergue, dixo que “esta é unha oportunidade para xerar dous postos máis de traballo, enmarcados dentro da Asociación, que está enfocada a xente nova. No albergue temos outros tres, e estamos contentos de que teñan a súa primeira oportunidade”. Ademais, engadiu que “no albergue estamos superando xa as cifras de peregrinos do ano pasado, a pesar de non ser Ano Santo. É preciso informalos, tanto a eles como ás persoas que veñen en caravanas. E non só sobre O Milladoiro, senón sobre outros lugares como poden ser a praia fluvial de Tapia ou as rutas de sendeirismo que existen en Ames. Dese xeito, ademais de visitar Santiago, poden facer tamén unha ruta por Ames”.

Pechou o acto de presentación o alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García, que destacou “é preciso poñer en valor todo o traballo que se fai no albergue e na Asociación, que é moi importante para O Milladoiro e para todo o concello de Ames. Esta é a primeira colaboración que facemos, pero esperemos que non sexa a última. A nosa intención é seguir colaborando con eles, porque, ademais, contan con gran experiencia. Recibiron a visita de moitísimos peregrinos nos últimos anos, co cal é necesario que compartamos todo ese coñecemento e o poñamos en común, para que nós saibamos dende o Concello todo o que pasa polo Milladoiro”.

Blas García tamén incidiu en que “somos o único concello de Galicia que ten tres Camiños agora mesmo: o portugués, o de Fisterra e o de Muros-Noia. Queremos traballar todos estes Camiños. Comezamos con este punto de información no Milladoiro, e esperamos poder amplialos desde o departamento de Turismo. Desde que comezou este ano ata o mes de xullo houbo máis de 60.000 peregrinos que fixeron o Camiño Portugués, unhas cifras moi importantes, posto que todos acaban pasando polo Milladoiro. Temos que, dalgunha forma, poñer en valor o noso concello ante todas esas persoas que veñen facendo o Camiño, tanto no momento que o fan como para posteriormente, de xeito que, se volven a Galicia, coñezan esta zona”.

Por último dixo que “o que máis me gusta deste proxecto é que dúas persoas mozas, con inquietude por traballar, teñan aquí o seu primeiro posto de emprego, colaborando ademais cun tema social que é moi importante. Coa distribución xeográfica que temos en Ames, que conta con dous núcleos moi grandes, Bertamiráns e O Milladoiro, non todo o mundo coñece o que temos no concello. Iso é algo que debemos potenciar dende dentro: as rutas que hai, o Pazo da Peregrina, a praia fluvial de Tapia, o monte de San Marcos, a capela da Madalena, a zona de ocio do entorno á igrexa do Milladoiro… É importante que todos os veciños saiban destas zonas, porque podemos presumir de ter un concello ben fermoso”.

Punto informativo aberto do 15 de xullo ao 15 de setembro

Este punto de información vai estar atendido por dúas persoas que participan no programa chamado “Iniciativas sociais no Camiño”, que desenvolve a Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, entidade coa que o Concello de Ames chegou a un acordo para poñer en marcha este punto de atención ao peregrino dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro. Este servizo funcionará de luns a sábado, en horario de 10:30h a 18:30 horas.

O obxectivo é acoller e prestar atención e información/difusión ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Colaboración con ASCAMPOR

Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que se inaugurou o pasado 10 de marzo de 2017.

Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e agora o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies