Bisbarra, 14 de maio do 2024 – O equipo de Fútbol gaélico Boqueixón vén de proclamarse subcampión de Europa nas categorías infantil e cadete polo que o concello organizou unha recepción oficial.
O encontro estivo presidido polo alcalde, Ovidio Rodeiro, e tamén participou o adestrador do equipo, David de la Torre, e integrantes da ANPA do CPI Antonio Orza Couto, promotores da disciplina de fútbol gaélico como actividade extraescolar.
Ovidio Rodeiro felicitou á rapazada pola súa fazaña no European Feile, xogado no centro de negocios Montecastelo de Vigo e que contou coa participación dos mellores equipos de Alemaña, Bélxica, Francia Suíza e Galicia de fútbol gaélico.
O alcalde lembrou que “ningún equipo galego chegara á final deste torneo”, polo que felicitou á rapazada e amosou o seu agradecemento ao traballo realizado por David de la Torre e a ANPA do CPI Antonio Orza Couto. Así mesmo, ofreceu a colaboración do Concello de Boqueixón de cara á posible realización dun campus de verán este mesmo ano, como planean dende o club.
Pola súa banda, David de la Torre lembrou que “este non é o primeiro intento. O ano pasado fomos a Berlín pero non tivemos esta sorte. Este ano demos a sorpresa”. Así mesmo, destacou a afouteza da rapazada de Boqueixón sobre o terreo de xogo “non agardaba esta actitude no campo nin chegar ata onde chegamos, que foi unha sorpresa para todos en xeral. Eu picábaos dicíndolles que os outros eran mellores e máis grandes, polo que había que poñerlle gañas e garra. E o certo é que o levaron gravado a lume”.
O Fútbol Gaélico Boqueixón foi de menos a mais, derrotando na fase de grupos a todos os equipos, tal e como fixeran un mes antes no campo de fútbol do Forte no torneo Pre-Féile, que gañaron tras derrotar aos conxuntos galegos que participaron en ambos os dous torneos, incluídos os locais do Montecastelo Keltoi Vigo, aos que venceron nas semifinais.
Na final contra o Bruxelas, os xogadores de Boqueixón mantiveron o tipo durante todo o encontro, chegando ao descanso cun empate a 7. No segundo tempo impúxose o físico dos belgas. “Había algún que tiña hipoteca xa”, bromeou David de la Torre, quen se amosou convencido de que “o próximo ano, cun pouco máis de traballo, seguro que arrasamos con eles”.