Bisbarra, 14 de maio do 2024 – O Concello de Brión vén de mellorar a seguridade viaria para os alumnos do IES Brión e o CEIP de Pedrouzos.

Os cambios prodúcense nun paso de peóns, situado en Lamiño, coa instalación de sendas sinais luminosas. O cruce está situado na saída da AG-56 Santiago-Brión coa estrada autonómica AC-541, a carón da rotonda.
Trátase dun camiño moi utilizado pola veciñanza que acude ao Paseo do Rego Pego, ao parque canino e, sobre todo, polo alumnado que vive a menos de 2 quilómetros do instituto ou do colexio e que se despraza camiñando aos centros educativos ao non ter dereito a transporte escolar.
O alcalde, Pablo Lago, explica que “tras varias chamadas, informes e escritos presentados polo Concello de Brión diante da Xunta de Galicia, finalmente vemos realizada unha mellora moi importante para a seguridade peonil dos nosos veciños e veciñas, especialmente dos moitos rapaces e rapazas que utilizan este camiño a diario para ir ao IES Brión ou ao CEIP de Pedrouzos”.
Lago Sanmartín agradece á Axencia Galega de Infraestruturas que procedera, primeiro, ao repintado das marcas viarias na zona. Traballos que rematarán esta instalando dúas sinais luminosas de paso de peóns, para mellorar a visibilidade dos camiñantes por parte dos numerosos condutores.
Meses de negociacións
O Concello de Brión dá así cumprimento a varias peticións presentadas tanto por particulares como pola Asociación de Nais e Pais do IES Brión, que en outubro de 2023 xa advertira dos problemas de seguridade en dous puntos do traxecto do alumnado cara o centro educativo.
Brión solucionou o primeiro deles, reparando o alumeado público á saída da Urbanización Hortensia e instalando tamén puntos de luz próximos ao paso de peóns, xa que non ten competencias para actuar sobre unha vía que é de titularidade autonómica.
A maiores, o Concello enviou de inmediato un Oficio da Alcaldía á Xunta de Galicia na que poñía no seu coñecemento a problemática e solicitaba a realización das melloras oportunas por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, dentro das súas competencias e posibilidades. Un oficio que foi reforzado posteriormente con distintas chamadas e mesmo co envío dun informe por parte do Departamento de Urbanismo Municipal.