Bisbarra, 15 de abril do 2024 – Hai dez días era adxudicada a humanización da Nacional 550 ao seu paso polo Milladoiro, en Ames. Unha obra que segue provocando críticas da oposición municipal.
A obra foi licitada por 5,1 millóns de euros e adxudicado por 4,4, 651.967 euros por debaixo do presuposto máximo establecido. O alcalde, Blas García, pon de manifesto que “como sempre defendemos dende este goberno, a obra do Milladoiro segue adiante, o que indica que por parte do Goberno de España e dende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana séguese a traballar contra todos os impedimentos que está a poñer a Xunta de Galicia”.
A humanización ten aberto un contencioso administrativo, interposto pola Xunta de Galicia, no que tamén se presentará o concello como afectada. Blas García engade que “Isto segue, a humanización segue adiante. As 15.000 persoas do Milladoiro que sofren o paso de 30.000 vehículos verán mellorada a súa calidade de vida”.
Críticas do Partido Popular
O Partido Popular de Ames emitiu un comunicado moi crítico coa humanización da N-550 no Milladoiro. Denuncian a falta de diálogo coa Xunta, que terá que asumir o custo dos vehículos que opten por desviarse pola AG-56 (autovía de Brión), e alertan sobre os problemas da redución a dous carrís da estrada.
Os populares consideran que a redución a un carril en cada sentido, a redución de velocidade e de prazas de aparcamento ademais da creación de carrís bicis fará que os condutores opten por outras vías. O PP explica que os coches pasarán do Milladoiro a aldeas de Ames ou Teo que non teñen preparadas as vías para asumir dito tráfico.
O PP de Ames remata lembrando que se falara dunha saída da autoestrada AP-9 en Augas Mansas, Teo, co que podería ser de balde ata ese punto; ou da construción dunha variante do Milladoiro que aliviara o tráfico rodado.