займ срочно

A xestión pública da auga de Ames xa é unha realidade

0

Bisbarra, 5 de abril do 2024 –  A empresa pública Augas de Ames xa é unha realidade desde o pasado día 1 de abril e este xoves foi presentada a imaxe corporativa.

Na presentación do logotipo de Augas de Ames participaron o alcalde, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, o técnico municipal do Ciclo Integral da Auga, Esteban De la Fuente, e o deseñador da imaxe corporativa, Ramón Cordido, da empresa La Rayuela.

A nova imaxe de Augas de Ames será rotulada nos vehículos e nos uniformes do persoal de dita entidade pública. Tamén servirá para as cintas de baliza e outros elementos similares. A protagonista da nova imaxe corporativa é a “A” de Auga, que simula unha gota de auga, e maila cor verde, que é a mesma cor da imaxe corporativa do Concello.

Blas García indicou que “Como estaba previsto, a empresa iniciou a súa actividade o 1 de abril; todo o persoal da empresa Espina y Delfín pasou a formar parte da EPEL. Subrogáronse 17 persoas, o mesmo número de empregados que estaban a traballar en Espina y Delfín. A EPEL Augas de Ames ten un orzamento para este exercicio de 1.388.050 euros”.

O rexedor municipal tamén explicou que “unha vez iniciada a actividade, o martes 2 de abril pola mañá realizamos unha visita ao persoal para darlle a benvida e para falar con eles e escoitar como está a ser o comezo. A este respecto, quero agradecer o traballo de Esteban, técnico municipal de augas, ao longo de todo este proceso que foi moi longo e laborioso e que dá resposta a unha promesa electoral realizada fai anos, e ao compromiso adquirido cos grupos políticos da oposición no ano 2015”.

A EPEL Augas de Ames dispón dunha páxina web na que se recolle a información relativa ao proxecto e ao funcionamento da propia empresa. O principal obxectivo de dita entidade é facer unha mellor xestión, unha xestión máis positiva para a veciñanza, ao pasar a estar xestionada directamente polo Concello. As instalacións do persoal de obra van estar situadas en Bugallido de xeito provisional. O obxectivo é que no futuro se poida dispor dunha nave que sexa propiedade do Concello.

Oficinas da EPEL Augas de Ames

Para un mellor funcionamento da mesma, así como para que a veciñanza non sufra as molestias derivadas deste cambio, decidiuse conservar as oficinas de persoal administrativo que tiña a antiga concesionaria do servizo, na rúa Agrelo en Bertamiráns, que é un local que o Concello manterá en alugueiro, e na rúa Viorneira, no Milladoiro, que é un local municipal.  

Proceso de elección da xerencia

Na actualidade, estase realizando o proceso de elección da xerencia da empresa municipal de augas. Ata o de agora presentáronse 14 solicitudes, das cales se admitiron 7 por cumprir coa documentación e os requisitos esixidos. Nos vindeiros días farase unha proposta da persoa que se encargara da xerencia, tal e como se acordou no Consello de Administración. A proposta será feita por unha comisión independente formada por 3 persoas: unha secretaria municipal, unha funcionaria dunha Deputación, e o xerente da empresa municipal augas da Coruña. Estes profesionais revisarán os currículos e farán unha proposta da persoa que sairá elixida.

Achegar a auga a todo o rural e ao Milladoiro

Por outra banda, o alcalde dixo que un dos obxectivos deste mandato é iniciar os traballos para levar a rede de abastecemento a todos os núcleos do rural que non dispoñen deste servizo. “Todas as parroquias dispoñen de rede de saneamento e nalgunhas vaise ampliar ou mellorar como é o caso de Loureiros ou en Lens, que se vai facer un forte investimento de máis de 800.000 euros, pero o noso principal obxectivo é levar a auga aos núcleos do rural onde non dispoñen deste servizo”.

“Outro dos obxectivos é que a localidade do Milladoiro e maila súa contorna se poida abastecer a través da captación que facemos do río Tambre. Na actualidade seguimos comprándolle a auga a Santiago de Compostela para abastecer O Milladoiro, porque cando se deseñou a ETAP de Lens non se fixo coa posibilidade de levar auga ata esta localidade”.

Deste xeito, dende o goberno municipal explican que durante este mandato o obxectivo é facer os proxectos e mailos cálculos económicos necesarios para poder dotar do servizo de abastecemento de auga a todos os núcleos do rural e canalizar auga dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro. Neste senso o rexedor municipal destacou que “existen uns estudios feitos ao final do mandato pasado nos que se indica que levar a auga ao rural ten un custe de algo máis de tres millóns de euros, e levar a auga ao Milladoiro custa arredor dun millón e medio de euros. Polo tanto o obxectivo deste mandato é iniciar os traballos para facer isto posible”.    

Imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames

A imaxe corporativa da empresa pública empresarial Augas de Ames foi elaborada por Ramón Cordido, da empresa La Rayuela. Segundo o seu creador é unha imaxe sinxela e sobria na que se mantén a cor verde, que é a cor da imaxe corporativa do Concello de Ames. Ademais, a protagonista da nova imaxe corporativa é a “A” de Auga, que simula unha gota de auga.

A nova imaxe de Augas de Ames será rotulada nos vehículos e nos uniformes do persoal de dita entidade pública. Tamén servirá para as cintas de baliza e outros elementos similares. A nova imaxe corporativa tamén será trasladada á paxina web, oficinas e aos espazos onde estea a EPEL de Augas de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies