Bisbarra, 7 de maio do 2024 – O concello de Ames convocou un novo Consello Escolar Municipal, para o vindeiro luns, no que se espera que resolva a problemática de Ventín.

A intención de cambiar de ubicación o Departamento de Orientación do colexio está en principio descartada ante un informe dos servizos xurídicos da Consellería que non o permitiría, ademais da oposición do Consello do centro, polo que a ANPA agarda unha nova proposta.
En resposta a unha consulta de Lindeiros o concello de Ames apela “á responsabilidade, á cordura e ao diálogo”. Engaden que “Nada aporta á defensa dos intereses das familias de Ames a oposición permanente e o bloqueo a calquera proposta saída do Departamento de Educación por parte da dirección dalgunhas ANPAS”.
A resposta do concello engade que o prioritario e darlle solución a 80 familias que terían praza nos servizos complementarios “se a Xunta de Galicia deixase de ocupar espazos que non lle pertencen. En lugar de poñerse permanentemente en contra desta administración”.
O goberno municipal de Ames convida ás ANPAS a “que volvan á senda do diálogo e ás canles de comunicación oficiais, para así poderlle esixir de forma conxunta á Consellería de Educación que se adecúen os espazos dos centros de Ames de acordo coas necesidades existentes”.
Finalmente o concello asegura estar dialogando coa dirección do CEP Ventín para atopar unha solución que non repercuta nin nas prazas ofertadas nin na localización do departamento de orientación.