займ срочно

Ames renova a casa das colonias felinas

0

Bisbarra, 26 de marzo do 2024 – O concello de Ames reorganizará as colonias felinas do concello e aproveita para renovar os iglús que se instalarán para os animais.

A presentación da iniciativa tivo lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os iglús están deseñados polo artista Fernando Yáñez sobre colectores reciclados e servirán para facilitar o traballo do voluntariado de Ames encargados do coidado destas comunidades felinas.

En Bertamiráns xa se instalaron tres iglús (un preto da Casa da Cultura, e outros dous na rúa Rosaleda) e está previsto que se instalen tamén no Milladoiro unha vez concluída a detección e control das colonias deste núcleo.

Na presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a presidenta do Refuxio de animais de Cambados, Olga Costa; e o pintor encargado do deseño dos iglús, Fernando Yáñez.

Javier Antelo explicou que “ esta iniciativa xorde da necesidade de ter un lugar para colocar aos gatos das colonias”. Deste xeito, desde o departamento de Medio Ambiente, “o primeiro que fixemos foi coñecer as colonias, onde están situadas e, a partir de aí, buscar un lugar onde localizalas e crear un rexistro de voluntarios que se encargarán da xestión dos iglús”. Así mesmo, destacou que se trata dun proxecto “pioneiro e social, que a nivel estético está totalmente integrado no entorno”.

O artista Fernando Yáñez falou dos iglús de Ames explicando que  “O deseño ten colores moi rechamantes, e está inspirado na propia forma do colector, que me lembrou á dun gato. Ademais, a nosa asociación xorde do mundo da arte, polo que este proxecto adáptase totalmente á nosa función e á nosa causa”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que este proxecto “aborda tres factores: os requirimentos na nova Lei de Benestar Animal, a colaboración cunha acción solidaria e o uso de material reciclado como son os colectores”.

Iglús solidarios

Os iglús teñen ademais un compoñente solidario xa que Fernando Yáñez os concibiu como parte da campaña Art of Dent, impulsada por el mesmo. O obxectivo desta campaña é visibilizar a enfermidade de Dent, un trastorno xenético que afecta aos riles e que progresa con enfermidade renal crónica e fallo renal. Esta iniciativa xurdiu do propio artista no ano 2020, coa finalidade de visibilizar esta doenza e recadar fondos para súa a investigación.

Así, en todos os iglús pode lerse a frase “Esta comunidade de gatos colabora coa visibilidade da enfermidade de Dent”. Deste xeito, o proxecto tamén conta cun trasfondo solidario.  Estas estruturas teñen dúas portas laterais: unha pola que os voluntarios poderán acceder para deixar a comida, e outra pola que os gatos poderán acceder ao interior para alimentarse e durmir. 

Desde o Concello de Ames piden a colaboración cidadá para coidar e protexer estas estruturas de posibles actos de vandalismo, respectando así non só os oglús senón tamén o traballo de todas as persoas implicadas, desde o artista ao equipo de voluntarios e voluntarias encargados do coidado destas comunidades.

O plan CES

Desde finais do mes de agosto de 2021, o departamento de Medio Ambiente está a aplicar o plan Ces para o control das colonias felinas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Este plan, levado a cabo en colaboración co Refuxio de Cambados, consiste na captura, esterilización e solta dos animais que integran estas colonias. Ademais, en Ames tamén se aplica a desparasitación e a marcaxe con microchip como parte deste plan. 

En Bertamiráns actualmente hai cinco colonias: en Castrigo, no Rueiro, nos arredores da Casa da Cultura e outras dúas na rúa Rosaleda. Todas elas están organizadas a través dun rexistro e contan cun grupo de voluntarios e voluntarias encargados da súa alimentación, coidado e vixilancia.

Por outra banda, no Milladoiro estase a traballar para detectar onde están situadas estas colonias, co obxectivo de delimitalas, rexistralas e organizar un equipo de voluntarios que se encargue delas, como xa acontece en Bertamiráns.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies