займ срочно

XXI edición do Certame Literario de Ames

0

Bisbarra, 19 de marzo do 2024 – A Concellaría de Normalización Lingüística ven de presentar a vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames para textos de narrativa e poesía en lingua galega.

As candidaturas ao XXI Certame Literario de Ames poderán remitirse ata o vindeiro 24 de abril. As bases ao completo poden consultarse nesta ligazón. Por outra banda para participar podes descargar aquí a ficha de participación.

O certame foi presentado na Casa do Concello polo alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e persoal de dito departamento, Rosa Moreiras e Raquel Barbeito. O premio é unha das iniciativas culturais máis consolidadas en Ames, e serviu como plataforma de despegue de numerosos escritores e escritoras.

O alcalde explicou que “o obxectivo primordial deste certame é difundir a creación literaria, así como a lingua e cultura galega. Este xa é un certame de referencia para os escritores e escritoras galegas. Participan persoas de Ames e do resto de Galicia, pero incluso chegan moitos traballos de fóra. Non participan porque os premios sexan moi elevados, senón porque este certame xa conta cun gran prestixio”.

A técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que se trata dun certame consolidado “A convocatoria é das poucas que hai en Galicia que leve tanto tempo e que se convocou todos os anos dende a súa creación. É necesario que haxa este tipo de certames para que as persoas que comezan a escribir teñan algún lugar onde presentar os seus traballos”.

Narrativa e poesía

O Certame Literario de Ames ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 e 17, e a terceira resérvase para persoas de 18 anos ou máis. Outorgaranse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ámbalas dúas modalidades, e editarase un libro colectivo con todos os textos premiados.

A decisión do xurado, conformado por tres persoas recoñecidas no ámbito literario, anunciarase publicamente o 3 de xuño, e os premios entregaranse o 8 de xuño, nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Bases do certame

O prazo para enviar os textos, inéditos e en galego, remata o 24 de abril. Os/as participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos a dobre espazo e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50.

É requisito que as obras se presenten baixo pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.

Os datos persoais irán incluídos nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.

O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Premios

Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os/as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.

Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies