Bisbarra, 5 de xaneiro do 2023 – Os cortes no subministro eléctrico volveron á bisbarra cos temporais e os concellos de Brión e Ames comezaron a facer xestións ante as empresas e o goberno autónomo.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, enviou á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e á empresa Naturgy dous escritos nos que pon de manifesto a situación anacrónica do subministro eléctrico no municipio.

Lago Sanmartín sinala que “dende hai varios meses prodúcense cortes intermitentes de subministro eléctrico en varias parroquias de Brión. Son cortes continuados e de distinta duración que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas, ademais de poder danar os electrodomésticos e equipos informáticos das vivendas e empresas do municipio”.
O alcalde explica que dende o Concello xa lle teñen trasladado a Naturgy queixas semellantes “sen que de momento a empresa puxera unha solución satisfactoria. Non sabemos cal será o problema pero a súa obriga é arranxalo canto antes porque aquí todos pagamos as súas cada vez máis caras facturas e temos dereito a recibir un servizo en condición. Un servizo propio do século no que estamos e non o que estamos a recibir”.
Ademais, o Concello de Brión ponse a disposición da veciñanza e tecido empresarial do municipio para canalizar todas as denuncias que poidan xurdir por mor destes cortes de subministro eléctrico tanto diante da Xunta de Galicia como de Naturgy.
Ames
O rexedor de Ames, Blas García, pola súa banda, remitiu unha carta á empresa Naturgy explicando as incidencias sufridas no concello. Engade que se trata dunha situación insostible e empraza á empresa a ofrecer un servizo que respecte “os dereitos dos seus clientes e usuarios, e atenda as súas necesidades e demandas dentro duns prazos lóxicos e normais”.
O alcalde de Ames insta ademais a Naturgy a facilitar información sobre o acontecido e a realizar melloras na liña “Tendo en conta as consecuencias e prexuízos que se lle están a ocasionar aos veciños e veciñas, solicitamos que se nos informe dos motivos das incidencias referidas, así como si teñen previsto levar a cabo algún tipo de reforzo nas liñas ou melloras que permitan dar un servizo óptimo ás persoas usuarias”.