Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral

Presentadas as actividades do programa pola lingua “É túa. Pásaa!”

O salón de plenos de Teo acolleu a presentación das novas actividades do programa “É túa. Pásaa!” que impulsa a asociación Alingua.
alingua-presentacion-slide-8-novembro-2023-(1)_r

Bisbarra, 8 de novembro do 2023 – O salón de plenos de Teo acolleu a presentación das novas actividades do programa “É túa. Pásaa!” que impulsa a asociación Alingua.

Na presentación participou como anfitriona a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, que estivo acompañada pola de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; Mónica González, concelleira da Baña; Ramón Varela, concelleiro de Carballo; Olalla Figueira, concelleira de Rianxo, e Manuel Cobas, concelleiro de Rois.

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas de “É túa. Pásaa!”, campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego.

No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.  

O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visibilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.

Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

De Luís Davila a Tanxugueiras

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.

Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez).

Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.

Guía didáctica

O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos.

A guía didáctica inclúe actividades multidisciplinares que, de forma transversal, se centran nos diferentes ámbitos nos que se clasifican os referentes. Así preténdese achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá e tamén nas súas creacións, investigacións, proxectos e reivindicacións.  

A guía didáctica está pensada para o seu aproveitamento desde diferentes materias con contido transversal no que lingua galega é canle de expresión, traballo e creación. Ademais, inclúe accións educativas que se poden levar a cabo tanto de xeito individual como por grupos que van desde as tradicionais sopas de letras até anovadoras posibilidades tecnolóxicas, como o deseño da túa propia app para móbil en galego. A guía achega tamén un apartado de recursos en liña para poder achar máis información e atopar material complementario na Rede.

Ademais desta guía, Alingua enviaralles aos centros de ensino dos municipios adheridos un cartel impreso para traballar e ampliar dende o colectivo os propios referentes do alumnado.

Cartografía sensorial

Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, está conformada polos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía da Arousa. Ademais, a Deputación de Pontevedra súmase a esta entidade  como integrante amiga.

Post navigation

Previous: “O teu machismo da noxo” campaña de Compostela cara ao 25N
Next: Apoio da Deputación ao Biopolo da Sionlla en Compostela

Máis novas

Alex-Doval-alcalde-Oroso-slide-17-xullo-2023_6764_r
3 minutes read
  • Xeral

Municipais 2027: Alex Doval, alcalde de Oroso

ames reconhecemento extraxudicial 14 setembro 2026
6 minutes read
  • Xeral

Novo recoñecemento extraxudicial do concello de Ames

Rois: O Pleno aproba volver licitar o Servizo de Axuda no Fogar
4 minutes read
  • Xeral

Rois licita de novo o Servizo de Axuda no Fogar

Compostela acolle do 16 ao 19 de setembro o Hola Nola Lab Fest traendo a Santiago unha parte de Nova Orleans.
4 minutes read
  • Axenda

Hola Nola Lab Fest

Using the appearance options below will override the global Appearance settings.
3 minutes read
  • Xeral

Artesanamente, Compostela é artesanía

As obras de Brión corresponden ao POS + Adicional 2/2026 e mellorará os accesos a trece aldeas
3 minutes read
  • Xeral

Máis de medio millón de euros para 13 aldeas de Brión

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela
3 minutes read
  • Xeral

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña pon en marcha un novo ciclo de monólogos
2 minutes read
  • Xeral

Ciclo de monólogos na Baña

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (664) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2797) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (773) eleccions (45) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (837) Galego (145) Institucións (1433) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1619) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (818) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (733) Politica (945) saúde (531) Servizos (2690) sindicatos (109) Social (563) sucesos (131) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (696) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.