Vedra, 19 de outubro do 2020 – O sindicato Comisións Obreiras ven de asinar un acordo co concello de Vedra que mellora as condicións laborais dp servizo de axuda no fogar do municipio.
O acordo é froito dunha negociación entre CCOO e o Concello de Vedra que comezou o ano pasado. No documento, as partes recoñecen “a necesidade de poñer en valor o traballo de axuda no fogar e dotalo do correspondente recoñecemento social”.
As negociacións que agora fructifican comezaron xa en 2019. CCOO agradece a disposición do Concello de Vedra e da empresa concesionaria, Atendo Calidade, para mellorar as condicións laborais nun sector eminentemente feminizado e onde a “sobrecarga de traballo é a norma”, situación que se agravou por mor da pandemia.
Entre as melloras conseguidas está a redución da xornada anual de xeito progresivo ata chegar no ano 2022 a 1710 horas, 38,5 semanais, e de 1665 en 2023, 37,5 semanais. Tamén se inclúen novos festivos de convenio: 22 de maio (Santa Rita) e 24 e 31 de decembro. Outra mellora de carácter social é o aumento no número de días de asuntos propios xa que o convenio fixa catro, que aumentarán anualmente ata chegar a nove en 2023.
No aspecto económico, a dieta de quilometraxe aumentará a 0,25 euros por quilómetro xa desde o 1 de xaneiro de 221, contando a partir da Casa Consistorial de Vedra ata o primeiro destino. Tamén se crea un
plus de dispoñibilidade de 150 euros mensuais para as coordinadoras que voluntariamente entren a participar no sistema de retén ou de garda, co máximo dunha fin de semana ao mes.
Nova patronal para negociar un convenio galego
CCOO destaca tamén o compromiso logrado coa empresa concesionaria, Atendo, para fomentar a constitución dunha patronal galega do sector, de xeito que se poida negociar un convenio autonómico de axuda no fogar onde implementar melloras como as logradas en Vedra.