Trazo, 25 de setembro do 2020 – O concello de Trazo denuncia nas súas redes sociais o abandono de dous becerros recen nacidos no Monte da Medorra.
Os cadáveres dos becerros foron atopados o pasado día 19 nunha pista forestal de Campo. O concello procedeu a poñelo en coñecemento das autoridades co fin de atopar aos responsables xa que se trata dunha infracción considerada grave según a lei 8/2003, do 24 de abril “o abandono de animais, dos seus cadáveres ou de produtos ou materias primas que entrañen un risco sanitario para a sanidade animal, para a saúde pública ou contaminen o medio ambiente (…) sempre que non estea tipificado como falta moi grave”.
O abandono de becerros, ou outros animais, eran moi comúns hai décadas pero hoxe en día as explotacións están obrigadas a contactar cunha empresa especializada. O máis común é que as granxas dispoñan dun seguro agraria que cubra os gastos de este tipo de situacións. A multa por esta infracción podería chegar aos 60.000 euros.
Tal como informa o concello na súa publicación unha boa xestión busca “reducir ao máximo os riscos para a saúde humana, a sanidade animal e o medio ambiente. Este tipo de accións reflicten a falta de civismo e responsabilidade que aínda hoxe se observa na cidadanía, se ben son casos excepcionais”.
Trazo lembra tamén que velar pola integridade dos nosos e do noso entorno “é deber de todos, e conséguese mediante as boas prácticas en tódolos ámbitos. Este tipo de accións non teñen cabida nunha sociedade avanzada que camiña cara a concienciación en materia medioambiental e social”.