Bisbarra, 26 de outubro do 2021 – A Deputación da Coruña comezou os traballos de posta en valor do petróglifo da Bouza Abadín, en Dodro.
Os traballos están financiados pola área de Turismo e Patrimonio Histórico da Deputación. Limparanse os soportes dos gravados do petróglifo con técnicas manuais, eliminarase a vexetación e sinalarase de xeito convinte a súa localización.
O petróglifo está situado nas Comunidades de Montes “Cruz do Avelán”. A posta en valor chega despois duns traballos previos de roza nos terreos nos que se atopa. A principio de esta lexislatura acordárase esta mellora nunha reunión entre o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e os concelleiros Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío.
O petróglifo de Bouza Abadín que posúe unhas privilexiadas vistas sobre o río Ulla, é sen dúbida o mais coñecido do concello de Dodro. A razón principal da súa singularidade, ademais do enclave natural privilexiado no que se atopa, é a súa combinación de motivos xeométricos, tales como círculos e “cazoletas”, e motivos naturalistas, comn a representación de animais como cervos e escenas de equitación.
Na actualidade, a visibilidade dos gravados é cada vez mais dificultosa debido a un manto de colonización biolóxica que cubre parcialmente as pedras, posto que a última intervención data de 2011.
Os traballos serán realizados pola empresa especializada Árbore S.Coop. Galega e consistirán na limpeza en seco dos soportes gravados eliminando a vexetación mais intrusiva e daniña seguindo as pautas de restauración pertinentes e mediante o uso de palillos de madeira, cepillos etc.
Posteriormente documentarase cada motivo mediante fotogrametría e xeración de modelos 3D que serán utilizados como base para a obtención de calcos dixitais. Por último, tamén se deseñará unha cartelería específica que integre o petróglifo cos demais bens patrimoniais da súa contorna
O petróglifo de Bouza Abadín forma ademais parte do roteiro Pena Nao, baseado na novela de Anxo Angueira; un recurso de especial interese cultural e patrimonial que pasa polos principais lugares arqueolóxicos de Dodro. Está considerado, ademais, un tesouro da Idade de Bronce.