займ срочно

A Baña aproba un orzamento cunha autoría cuestionada pola oposición

0

Bisbarra, 17 de agosto do 2022 – O concello da Baña aproba, por unanimidade, un orzamento que o grupo socialista apoia por consideralo unha copia do presentado cando gobernaban no ano 2021.

En aquela ocasión PP e CxG A Baña votaron en contra do orzamento. Tras ese voto en contra, un dos argumentos da posterior moción de censura foi precisamente a incapacidade para aprobar as contas. Os socialistas explican que o seu voto favorable é porque “tras revisar as partidas comprobamos que son os mesmos que nos presentamos no 2021”.

Dez meses para as eleccións

O orzamento chega a dez meses das eleccións e oito meses despois da moción de censura. Ascende a 4.430.000 euros e na mesma sesión  aprobouse solicitar autorización para destinar 234.000 euros a gasto corrente con cargo ao POS+ Adicional.

As conas teñen unha previsión en gasto social de 1.205.007,14€. Por outra banda o investimento real en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento, así como en melloras culturais, sociais e medioambientais, supera o 30% do orzamento do Concello para o presente exercicio. O mantemento da rede viaria tamén é unha das partidas con maior incidencia orzamentaria, cunha asignación de 859.210,13.  

Para Andrés García Cardeso, “este orzamento vai permitir que A Baña recupere o pulso despois da pandemia. Este é un presuposto real, adecuado ás necesidades que ten un concello rural coma o noso”. Mirando cara ao futuro, o alcalde da Baña  apuntou que a aprobación do orzamento de 2022 significará “unha catapulta para elaborarmos xa o de 2023 e recuperarmos a normalidade, que é tan necesaria para o desenvolvemento”.

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Antonio Pereira, razoou o voto favorable do seu grupo en que, ao seu xuízo, as contas “son as mesmas que nós presentamos en 2021”, coa variación de capítulos coma “os incrementos salariais de persoal e a seguridade social. O que antes non valía, agora vale”, afirmou Pereira, que xustificou a aprobación asegurando que “a diferenza de vostedes nós queremos o mellor para os veciños, gobernemos nós ou gobernen vostedes”.

O alcalde agradeceu o apoio dos socialistas ás contas municipais, aínda que declarou que “a diferenza entre as contas que presentaron en 2021 e as actuais é abismal: dos 3.600.000€ de entón pasamos a 4.430.000€”. Para García Cardeso, aquelas contas e estas “pode que se parezan na letra, pero os números non son os mesmos”.

Nunha análise por capítulos, a partida de investimentos reais suma 1.340.039,21 (o 30,24% do total). Entre as actuacións previstas de maior calado atópanse a ampliación de equipamentos sociais no centro cívico de San Vicenzo (332.492,26€) ou o saneamento de Liñares-San Salvador (177.843,57€) e de Xaxoso-Castiñeira (46.238,70€). Tamén figuran nos presupostos as obras de pavimentación no Cruceiro-Canle-Paraxó, Cores-Lameiro, Trarroeira e Trasbarcala a límite con Negreira ou de Lañas e Fiopáns.

Os gastos correntes en bens e servizos consomen o 34,20% do total do orzamento, cun importe asignado de 1.514.161,3€. Mentres, os gastos de persoal ascenden a 1.258.699,40€, á espera do remate da elaboración e negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que se está a realizar. Este feito podería afectar á execución deste capítulo.

As principais fontes de ingreso son as transferencias correntes doutras administracións, que con 2.244.960,33€ supoñen máis da metade do presuposto. Tamén teñen gran peso as transferencias de capital, calculadas en base ás subvencións solicitadas, que suman un 25% do orzamentado.

POS + Adicional

Na sesión de onte tamén se aprobou solicitar 234.000,72€ para financiar o gasto corrente municipal con cargo ao POS + Adicional 2/2022. Nesta segunda fase do plan, a Deputación provincial ten asignado ao Concello da Baña un total de 412.001,29€, polo que os 177.843,57€ restantes se destinarán ao saneamento de Liñares-San Salvador. A proposta foi aprobada cos votos favorables do grupo de goberno (PP e Compromiso) e co voto en contra dos catro edís do PSdeG.

Festivos locais

Por outra banda, o Pleno da Baña aprobou tamén por unanimidade fixar como festivos locais para o vindeiro ano 2023 o martes de Entroido e o 8 de setembro, día no que se celebra a Virxe do Bo Suceso na parroquia de San Vicenzo. Malia que é costume declarar como días non laborables o 22 de xaneiro (San Vicenzo) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), dáse a circunstancia de que estas datas coinciden en fin de semana.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies