Compostela, 22 de marzo do 2023 – Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo fíxose co título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023. Pola súa banda Álvaro Pérez Blanco, de ArteSana Gastrobar, acadou o premio do público.
A VII Gala Show Cooking “Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia”, celebrada esta noite en Santiago de Compostela, foi o peche dunha campaña de Turismo de Galicia que busca atraer a un turismo gastronómico en calquera época do ano.
As tapas que participaban foron as seguintes:
1 Coruña Gyoza de chocos na súa tinta Sheila Barbeito de Restaurante Roots
2 Ferrol Bocado de alde Alex M. Bacelo e Mar Lago Restaurante Bacelo
3 Lugo Bonito, morrón, cebola e paixón. Que rico sabor Álvaro Villasante Paprica
4 Ourense Canta Castaña Beatriz Alcalá La Zapatería del abuelo
5 Vigo Xema na fraga Ana Vilar Cervexaría Leria
6 Pontevedra Vacalao: do crú ao cociñao Rubén González Vallejo El Cafetín de la Alameda
7 Santiago Queixo Álvaro Pérez Blanco Artesana Gastrobar
O gañador, Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo, é natural de Palas de Rei (Lugo). Ten unha ampla traxectoria profesional desenvolta a cabalo entre Lugo e Lleida, Tenerife, Miami e Barcelona, onde tivo a oportunidade de traballar con grandes da cociña como Sergi Arola e Anxo Palacios en “A Broche” (Miami); Gonzalo Tamames no “Recuncho de Gonzalo” (Tenerife); Ramón Freixa, en “Racó d´en Freixa” (Barcelona); e Óscar Sabate, en “Eth Taro” (Val d’Arán). Finalmente, as aspiracións de Álvaro levárono a abrir o seu propio establecemento na cidade das murallas no ano 2007.
O gañador do premio do público, Álvaro Pérez Blanco, de ArteSana Gastrobar en Compostela, naceu en Dodro (A Coruña). Pasou por algunhas das cociñas máis prestixiosas e recoñecidas da península e do continente, como a de El Bulli de Albert e Ferrán Adrià ou a do Hostal dos Reis Católicos. Álvaro di que a súa cociña non é conceptual, senón máis ben sensible e que naturaliza para que as persoas se sintan cómodas. Non só para os comensais, tamén detrás dos fogóns. Chegou a Compostela seguindo os pasos do seu irmán, quen tamén cursou un ciclo na Escola de Hostalería. Hai dez anos, cando tiña 25 e logo do seu paso profesional por outras cociñas de moita sona, decidiu abrir ArteSana Gastrobar.
A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións. Unha cita consolidada que vai xa pola súa sétima edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega, mais enmarca tamén ditas experiencias en cidades atraentes e dinámicas cunha historia e cultura de seu.