Compostela, 8 de setembro do 2021 – Este martes era presentada a decimo primeira edición do Festival Peregrinos Musicales que comeza este sábado día 11.
Serán 25 intérpretes os que participen nos Peregrinos Musicales 2021. Actuarán en Santiago de Compostela, Valga, Abadín, Cambados, A Guarda e Lourenza. Unha particular peregrinaxe que, como cada ano, contará cunha especial gala laureados, que se celebrará o 17 de setembro no Auditorio de Galicia, na que os sete finalistas medirán o seu talento para alzarse co galardón final do certame.
Esta undécima edición foi presentada no Museo das Peregrinacións por • O secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Santiago, Xosé Manuel Bugallo, a directora do festival Ilona Timchenko, e o director adscrito da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, nun acto no que se debullou a programación, dividida en programa principal, 7 citas, e concertos do ciclo “O Teu Xacobeo” con 8 espectáculos.
Achegar a música clásica ao gran público
A aposta da organización de Peregrinos Musicales é clara: achegar a música ao público, en lugar de tentar levar ao público ata a música. Por iso, aos tradicionais escenarios do Auditorio de Galicia ou a Igrexa de San Francisco, en Compostela, únense este ano novos espazos.
Unha peregrinaxe moi especial que permitirá ao público de toda Galicia gozar de pezas de grandes artistas, desde Chopin a Falla, desde Mendelssonh a Pachelbel. Artistas de todo o mundo, consagrados e novas promesas, cuxo paso por Peregrinos Musicales é a principal razón de ser dunha cita que leva máis dunha década apostando polo talento interpretativo de mozos de toda Europa, que participan no certame.
As sete citas do programa principal terán lugar en Santiago de Compostela, en diferentes localizacións, Catedral de Santiago, Auditorio de Galicia, Igrexa de San Francisco, sumando a elas unha gala especial dos Laureados 2021 no Auditorio de Valga.
A estas sete citas hai que sumar os oito concertos do programa “ O Teu Xacobeo”, que terán lugar en 7 localidades galegas: Santiago de Compostela, Abadín, Cambados, A Guarda, Lourenzá, Padrón e Valga.
Gala Laureados
E, como vén sendo habitual, esta nova edición contará co seu prato forte o próximo 17 de setembro no Auditorio de Galicia coa gala Laureados, na que os sete finalistas do concurso deste ano demostrarán as súas capa- cidades artísticas xunto á Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.