займ срочно

Ismael González, da USC, primeiro autor do descubremento do mecanismo de acción do estradiol

0

Compostela, 10 de outubro do 2018 – O grupo de NeurObesidade da USC acaba de describir por vez primeira o mecanismo de acción do estradiol, a principal hormona sexual feminina, no hipotálamo, para controlar de maneira remota a termoxénese da graxa parda.

O tecido adiposo pardo (graxa parda) é o que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca) senón que os ‘queima’ a través dun proceso no que se xera calor (termoxénese). Por exemplo, cando o sistema nervioso central interpreta que o organismo se atopa nun ambiente frío desencadea como resposta unha activación da termoxénese da graxa parda para incrementar a temperatura corporal, aclara Ismael González García, primeiro autor do traballo sobre o estradiol e que acaba de ver a luz na revista Cell Reports.

Neste traballo “demostramos como o estradiol regula os niveis de ceramidas -familia de lípidos que forman parte das membranas celulares- no hipotálamo”. Concretamente, como explica o investigador do grupo de NeurObesidade, o estradiol produce unha redución das ceramidas hipotalámicas, o cal á súa vez induce unha diminución do estrés do retículo endoplasmático (RE). Este último proceso é unha alteración celular que ocorre cando se acumulan proteínas mal pregada no interior do citado retículo. A capacidade reguladora das ceramidas sobre a materia graxa é posible porque a actividade do tecido adiposo pardo é controlada en grande medida polo sistema nervioso central, ao que a graxa parda se proxecta a través de conexións neuronais, posibilitando así a regulación da actividade termoxénica.

Queimar a graxa

Cando o organismo deixa de ‘queimar graxa’, porque diminúe o proceso de termoxénese a causa do estrés do retículo endoplasmático, as calorías que se deixan de “queimar” producen un incremento no peso corporal aínda que non se inxiran máis alimentos. Como aclara Ismael González, os animais “gañan peso comendo o mesmo”. A presenza de estradiol, pola contra, revirte os niveis de ceramidas e diminúe o estrés de RE no hipotálamo, producindo a activación de termoxénese no tecido adiposo pardo e normalizando o peso corporal.

Hipotálamo

Na base deste mecanismo atópase a función do hipotálamo, zona do cerebro que regula o estado enerxético de todo o organismo. As hormonas estroxénicas actúan nesta zona cerebral modulando diversas vías moleculares, entre elas a regulada pola proteína AMPK (descrita en 2014 polo grupo NeuroObesidade) ou a regulada por mTOR (tamén descrita este ano polo mesmo grupo da USC). En opinión do doutor González García, o estudo contribúe a explicar o interese da graxa parda como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, engade, “os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento no cerebro non son de todo coñecidos polo que é determinante seguir investigando para comprendelo”.

O traballo tamén representa un “pequeno paso máis na longa travesía de entender as patoloxías metabólicas asociadas coa menopausia”. O estradiol “ten un efecto anoréxico, de diminución da inxesta de alimentos, ao tempo que tamén produce un incremento da termoxénese da graxa. Ambos factores propician en último termo unha diminución da masa corporal. Na súa ausencia, como por exemplo durante a menopausia, este efecto desaparece polo que é habitual que esta etapa se vexa asociada a incrementos de peso corporal e a unha maior prevalencia de patoloxías metabólicas”.

Este traballo foi realizado no grupo de NeurObesidad, dirixido por Miguel López e con financiación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o MINECO e o Programa Starting Grant do ERC. O grupo está adscrito ao Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatología de la Obesidad e Nutrición (CIBERobn). O traballo recolle parte dos estudos realizados na tese de doutoramento de Ismael González García, dirixida por Miguel López e Carlos Diéguez. Ismael González García atópase na actualidade realizando os seus estudos posdoutorais no Helmholtz Zentrum de Munich.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies