займ срочно

Terras de Compostela conmemorou os dez anos de traballo pola bisbarra

0

Bisbarra, 26 de novembro do 2018 – O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela conmemorou nun acto os dez anos de existencia da asociación.

O presidente de Terras de Compostela, Carlos Martínez Carrillo, fixo balance destes dez anos dunha asociación formada por concellos e entidades privadas que ten como obxectivo a dinamización do rural. Na súa intervención, Martínez fixo fincapé nos 177 proxectos que se puxeron en marcha nos dez municipios que conforman o Grupo de Desenvolvemento Rural, e que supuxeron a inversión de máis de 22 millóns de euros, dos que 5,6 millóns son subvencións públicas, a maior parte deles procedentes da Unión Europea.Carlos Martínez asegurou que “ferramentas temos abondo: unha paisaxe espectacular, que nos dá acceso a recursos abondosos; produtos que a tradición perfeccionou e que debemos dar a coñecer no exterior; e, sobre todo, unha xente dinámica, innovadora, emprendedora e con ganas de darlle un impulso á súa terra e facela recuperar o atractivo que nunca debeu perder”.

Na mesma idea incidiu na clausura o director xeral de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), Miguel Ángel Pérez Dubois, cando afirmou que “dispoñemos do valor máis prezado” para que o rural galego volva a ser un referente en Europa, “un capital humano excepcional, que temos que aproveitar”. Pérez Dubois destacou os 177 proxectos xestionados dende a Asociación Terras de Compostela, e postos en marcha por emprendedores que foron quen de mobilizar 16 millóns de euros de iniciativa privada. “O traballo conxunto de administracións públicas e iniciativa privada é o futuro para conseguir que o noso rural recupere a importancia de antano  e se converta nun lugar atractivo para que os nosos mozos e mozas queiran emprender nel”, asegurou o director xeral de Agader.

Homenaxe a Pepe Montes

A homenaxe que a Asociación Terras de Compostela lle rendeu ao seu primeiro presidente e un dos socios fundadores, José Montes, foi a parte máis importante do acto inaugural. Carlos Martínez Carrillo agradeceulle ao actual presidente de Feiraco a súa entrega na posta en marcha de Terras de Compostela, que tivo como primeira sede social as instalacións da cooperativa leiteira de Ponte Maceira. “Querémoslle agradecer todo o traballo realizado por el e por todos e todas as persoas que fundaron a Asociación Terras de Compostela e que a trouxeron ata aquí”, afirmou Martínez Carrillo.

José Montes agradeceu a homenaxe e destacou a importancia dos dez concellos que forman parte da asociación, “porque cada un ten a súa identidade propia e por iso non se pode excluír ningún”. Montes incidiu na necesidade de “aproveitar ben os recursos naturais e patrimoniais e poñelos en valor para dignificar á nosa xente, que tanto se sacrificou por manter o que temos”.

Degustación de produtos

Ao remate da xornada, os asistentes puideron degustar produtos aportados por diferentes empresas e entidades que forman parte do GDR Terras de Compostela, que demostraron no Hostal dos Reis Católicos a súa aposta por combinar innovación e tradición na gastronomía galega. No ágape servíronse dende filloas de Lestedo e da pedra da Baña, ata leitefrita ecolóxica de Ames, aceite de Vedra pasando por chupitos de grelos IXP de Galicia procedentes de Boqueixón.

Tamén se puideron saborear biscoito de mazá, marmelada de pexego durazo (de Brión), masolas de rixóns (Teo), pan de Vedra e Val do Dubra; guiso de galo de Mos (Val do Dubra), zorza (Negreira), rixóns (Santiago), laminado de tenreira frisona, mel ecolóxico, embutido artesán (Santa Comba). Todos eles acompañados con viños da D.O. Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies