Padrón, 8 de maio do 2018 – A Asociación Cultural Os Penoucos incorpora o mapa do patrimonio de Padrón ao proxecto colaborativo de recuperación e posta en valor do patrimonio e as paisaxes do Baixo Ulla.
A Asociación Cultural Os Penoucos nace no 2006, froito das inquedanzas dun grupo de persoas do Baixo Ulla. Ten como piares fundamentais o fomento da lingua e cultura galega, realizando actividades culturais, artísticas e medioambientáis. Despois de presentar os mapas do patrimonio de Valga, Pontecesures e Dodro, lanza agora o Mapa do Patrimonio de Padrón que se pode consultar no seguinte enlace
http://baixoulla.ospenoucos.gal/
O Mapa do Patrimonio de Padrón intégrase dentro dunha aplicación webmapping onde se recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural do concello. O usuario poderá navegar e desprazarse polo mapa, facer zoom, activar ou desactivar capas, así como escoller os mapas base. Ao pulsar sobre un punto, despregarase a ficha explicativa onde se describe o elemento, con acceso a información e imaxes deste. Os mapas base dispoñibles son catro, que van desde a última fotografía aérea do PNOA, ata o voo americano do 1956-57. Deste xeito poderase visualizar as diferenzas que sufriu o territorio nos últimos 60 anos.
O Mapa do Patrimonio de Padrón componse de 9 capas, que inclúen 642 elementos, repartidos do seguinte xeito:
[columns]
[column size=”1/3″]- Arqueoloxía (24 elementos): castros, castelos, mámoas, túmulos, xacementos, marcos medievais…
– Arquitectura relixiosa (22 elementos): igrexas, ermidas, conventos, santuarios, capelas…
– Elementos relixiosos (43 elementos): cruceiros, cruces, petos de ánimas, calvarios, vía crucis…
[/column]
[column size=”1/3″]- Arquitectura civil (35 elementos): pazos, xardíns, patrimonio industrial, estacións…
– Obra civil (18 elementos): pontes, portas, pombais, palcos de música…
– Hórreos (441 elementos): a totalidade dos hórreos do municipio.[/column]
[column size=”1/3″]- Arquitectura da auga (48 elementos): pesqueiras, fontes, lavadoiros, muíños…
– Espazos naturais (5 elementos): canóns, insuas, fervenzas, lagoas…
– Panorámicas (6 elementos): as panorámicas máis destacadas de Padrón.[/column]
[/columns]
Nestes momentos, despois de engadir o Mapa do Patrimonio de Padrón, e incluír novos elementos nos mapas de Dodro, Pontecesures e Valga, hai catalogados 2.024 elementos, ao que se irán sumando moitos máis, ata completar a totalidade do territorio que conforma o Baixo Ulla.
Según a Asociación o aspecto máis salientable do proxecto Patrimonio e paisaxe(s) do Baixo Ulla é a súa parte colaborativa. Fan un chamamento a aquelas entidades e persoas que o desexen para que manden os seus comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos do mapa, así como suxerir a inclusión de novos puntos.Os Penoucos destcan tamén que non se conta con ningún tipo de subvención oficial para a realización deste proxecto.