займ срочно

O tempo de Galeno, o documental sobre a historia da Facultade de Medicina

0

Compostela, 15 de xullo do 2017 –  O tempo de Galeno. Historia dun símbolo é o título do documental que narra a historia da que foi a primeira sede propia da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, o actual edificio da rúa San Francisco.

A idea deste documental xurdiu tras o inicio dos trámites para construír unha nova facultade na zona da Choupana, na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) a onde se trasladaron xa boa parte dos servizos universitarios ligados á titulación.

O tempo de Galeno desvela, ao longo de 45 minutos, o devir do actual edificio –e por extensión da medicina compostelá do último século–, para o que conta con documentos históricos, fotografías de época, imaxes actuais e, por suposto, a intervención de profesionais de distintos ámbitos que ofrecen información e anécdotas de gran interese para conformar a imaxe completa da facultade e da propia titulación, xa que a narración sobre o actual edificio enmárcase na historia dos estudos de Medicina na universidade compostelá, que datan de 1648.

Intervencións no documental

É precisamente o actual decano da Facultade, o Dr. Juan Gestal Otero, quen explica en O tempo de Galeno estes inicios da titulación en Santiago así como a xénese tanto do actual edificio como do proxecto previsto para o Campus Vida. O Dr. Xosé Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia fala da sona médica de Santiago, a famosa Fonte Limpa, como xerme do prestixio actual da titulación.

O catedrático de Anatomía Javier Jorge explica o papel desta disciplina fundamental nos estudos; a profesora xubilada Carmen Porto fala de como cambiou o papel da muller na universidade e na medicina, mentres que os doutores Joaquín Potel e Sánchez Salorio explican que supuxo o peche do Hospital Real –actual Hostal dos Reis Católicos– tras case catro séculos, para pasar aos novos hospitais de Galeras e, máis tarde, ao de Conxo e ao novo Clínico.

O doutor Avelino Franco fala do Museo Nacional de Anestesia que el mesmo puxo en marcha e que terá un espazo destacado na nova facultade, mentres que os doutores Carlos Diéguez  e José Castillo falarán do CIMUS e do IDIS, dous centros de investigación ligados á Facultade e que son hoxe en día punteiros no mundo. Como tamén o é o Instituto de Medicina Legal e a persoa que o puxo en marcha, o Dr. Ángel Carracedo recoñecido internacionalmente. Outro dos nomes destacados da actual medicina compostelá é o do catedrático de Ortodoncia David Suárez Quintanilla, quen explica a importancia da incorporación dos estudos de Odontoloxía como titulación independente.

Ademais destes grandes nomes da medicina, en O tempo de Galeno participan outros expertos como o catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias que fala da pinacoteca da facultade; o arquitecto Xerardo Estévez, que explica as peculiaridades e anécdotas ligadas á construción do actual edificio e o historiador Ricardo Gurriarán, que fai un percorrido pola historia máis triste da facultade, a referida á guerra civil e á posguerra.

Todos eles son só unha pequena representación dos centenares de nomes ligados durante o último século á Facultade de Medicina compostelá e que fixeron desta titulación unha das máis prestixiosas e recoñecidas do mundo.

Presentación e pase previo

O tempo de Galeno, unha produción de Edicións Bolanda para a Televisión de Galicia, será presentado polo seu decano, o Dr. Juan Gestal, nun pase previo que terá lugar este martes, 18 de xullo, ás 20:00 horas no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies