Desde mediados dos oitenta a mediados dos 90 a dúas de Televisión Española emitiu Jazz entre amigos, non se nos ocorre mellor forma para definir a Sumrrá.
Cando un pensa que Sumrrá levan 21 anos tocando xuntos decátase do sorprendente que resulta nun mundo acostumado a cambios rápidos e músicos fugaces. Quedamos con eles en Compostela, cerca do Auditorio de Galicia.
L.A.R. Legido, Manuel Gutierrez e Xacobe Martínez teñen como prioridade tocar. Tanto é así que os seus discos comezaron a titularse cos ordinais xa que o de menos era o nome que levaran. Eran só un soporte fisíco para o que xurdía no escenario ou no local de ensaio
Unha das ideas que desde o comezo estivo presente, na imaxe que o público tiña de Sumrrá, era a liberdade con que tocaban os tres. Era, é, un grupo de individualidades que acaban confluíndo na melodía por moito que cheguen a afastarse durante a execución. Manuel Gutierrez, pianista, e L.A.R. Legido, percusión, reflexionan sobre esta cuestión
Como si o destino quixera poñer a proba a capacidade de adaptación dun grupo tan único xurdiu a oportunidade de tocar coa Real Filharmonía de Galicia. Encaixar unha fonte de improvisación como Sumrrá nunha engrenaxe tan medida como a dunha orquestra dou un resultado que se sae das escalas medibles
Tedes a conversa completa no noso podcast. Desde catro euros ao mes podes apoiar a Lindeiros para que sigamos ofrecendo contidos propios e información local. https://www.patreon.com/lindeiros
Para Sumrrá o directo sempre foi a prioridade. O confinamento obrigou a que uns temas xa case preparados para ser gravados colleran poso. 7 Visións é un disco que funciona como un todo, un traballo que, en certo modo, cambia a importancia que lle dan aos soportes físicos da súa música
A pandemia deixou tamén á vista as débedas do sistema coa cultura. Sumrrá o expresa dun xeito moi preciso cando Xacobe explica que a principal prexudicada de este parón é a propia sociedade. Os beneficiarios da cultura non son os músicos, escritores ou creadores en xeral, son os que a reciben
Ao longo de 40 minutos conversamos de moitas cousas con L.A.R. Legido, Manuel Gutierrez e Xacobe Martínez. As súas viaxes por todo o mundo e as anécdotas das mesmas; os seus discos e a evolución do grupo; a visión sobre o momento que vive a cultura e a necesaria liberdade coa que debe existir…
Pode que si hai algo que lles guste máis que tocar sexa falar e escoitar sobre como o fan. Conversar con Sumrrá é un pracer moi próximo ao de disfrutar da súa música.