Compostela, 24 de abril do 2024 – A Delegación compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza unha charla sobre o planeamento urbanístico en España.
A conferencia, este xoves 25 as sete e media da tarde, leva por título “A cidade que queremos. Os planeamentos que precisamos” e será impartida polo doutor en arquitectura José Mª Ezquiaga,
Ezquiaga e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía. É tamén profesor da Universidade Politécnica de Madrid. Estivo vencellado á cidade e ao proxecto urbano desde o inicio da súa actividade profesional. Nos últimos anos centrou o seu interese académico e profesional na investigación teórica e integración proxectual das diversas escalas, xeográficas e sociais, que conforman o territorio e a cidade.
O conferenciante desempeñou diversas responsabilidades nas Administracións Públicas: director de Plan do Concello de Madrid (1985-1988), director Xeral de Urbanismo (1988-1991) e director Xeral de Planificación Urbanística e Concertación da Comunidade de Madrid (1991-1995). É presidente da Asociación Española de Técnicos Urbanistas desde 2018 e foi decano do Colexio de Arquitectos de Madrid (2015-2019)
Ezquiaga defende que o sistema de planeamento español atravesa unha profunda crise de lexitimidade que afecta as súas dimensións técnica, xurídica e social. Na conferencia analizará as consecuencias que o singular vínculo entre o plan, como ferramenta técnica de goberno do territorio e como instrumento de regulación do estatuto da propiedade do chan, ten na obsolescencia do sistema: sobrerregulación, burocratización e xudicialización do plan.
Concluirá formulando unha proposta de reforma sustentada nunha concepción estratéxica do planeamento municipal, entendido como ferramenta de gobernanza espacial e plataforma de diálogo entre a sociedade civil e os poderes públicos e unha axenda renovada de obxectivos para a transición urbana.
A conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, pero é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización (ENLACE).