займ срочно

Frades inaugura a piscina infantil, na que investiu máis de 40.000 €

0

Frades, 25 de xuño do 2017 – O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, inauguraron a piscina infantil de Frades, emprazada a carón da piscina municipal de Papucín, que abriu para a temporada de verán.

Unha inauguración na que estiveron acompañados polos concelleiros de Deportes, Miguel Prado; Ensino, Manuel Marzoa; Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; e Obras, Ramón Garabato.

Roberto Rey e Ovidio Rodeiro percorreron as instalacións da piscina municipal de Papucín, que durante esta pasada primavera foron sometidas a unha profunda mellora por parte do Concello de Frades, que construíu unha piscina infantil e habilitou unha nova zona de paseo, ampliando así a superficie útil do lugar. Rey Martínez agradeceulle a Rodeiro a colaboración da Xunta pois “cunha pequena achega por parte da Xunta de Galicia puxemos poñer en marcha unha infraestrutura moi demandada pola nosa veciñanza e que estamos seguros que dará un gran servizo ás familias de Frades”. E é que ata o de agora, os máis pequenos só podían desfrutar dunha piscina portátil adaptada á súa idade algúns días especiais do verán como a Festa do Neno ou o Día da Auga.

Neste sentido, Ovidio Rodeiro sinalou que “o Goberno galego decidiu apoiar economicamente aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas”.

Piscina infantil

A piscina infantil supuxo un investimento de máis de 40.000 euros, dos que 26.446 euros correspóndense cunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro do programa de axudas á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de Servizos Municipais convocadas pola Xunta e cofinanciadas con Fondos FEADER no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

As obras consistiron na construción dunha piscina cunha profundidade máxima de 0,6 metros, pegada á de 25 metros que xa vén funcionando desde hai algúns anos. Tamén se aproveitou para renovar o peche do perímetro da instalación, para habilitar un novo acceso á nova piscina (independente da piscina principal) e mellorouse o sistema de clorado e potabilización. A maiores, o Concello de Frades habilitou unha nova zona de paseo preto do río e acondicionou a zona de aparcamento da piscina municipal de Papucín.

Novo horario

A piscina municipal de Papucín abrirá de 15:30 a 20:30 horas, de luns a venres; e de 13:30 a 20:30 horas os sábados e domingos, é dicir, dúas horas máis co ano pasado. A entrada ás instalacións seguirá sendo totalmente libre e de balde.

Paralelamente, o Concello de Frades ofrece os tradicionais Cursos de Natación, que terán lugar do 10 de xullo ao 25 de agosto na piscina municipal. Haberá clases 3 días por semana, en horario de 14:30 a 16:00 horas. Organizaranse dous grupos: nenos/as maiores de 4 anos (15 euros persoas empadroadas) e adultos (25 euros). As persoas non empadroadas aboarán 10 euros máis en cada caso. Máis información e inscricións no Concello de Frades (981 695 567 ou  981 695 663). A data límite para anotarse é o martes 4 de xullo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies