Frades, 13 de febreiro do 2020 – O Concello de Frades vén de sacar a licitación as obras de reparación da piscina municipal por 101.066,29 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de seis meses.
As empresas que estean interesadas na licitación da obra da piscina, polo procedemento aberto e tramitación ordinaria, teñen ata o vindeiro 2 de marzo para presentar as súas ofertas na Alcaldía do Concello de Frades.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que estas obras “son moi necesarias porque na actualidade hai importantes fugas de auga e tamén é necesario facer reparacións no vaso da piscina e unila coa zona da rejilla. Estamos perdendo moita auga e non podemos seguir así”.
De acordo cos criterios de adxudicación establecidos nas bases da convocatoria, o Concello de Frades valorará especialmente a redución dos prazos de execución das obras así como o aumento do período de garantía das mesmas, mentres que a oferta puramente económica só representará o 5% do total.
Impermeabilización do vaso
As obras incluirán o arranxo de tres puntos da instalación: o vaso da piscina, o sistema de depuración e a canaleta perimetral. No caso do vaso da piscina, os defectos no seu illamento e as fugas da canaleta que o rodea provocan un consumo extra de auga para manter o nivel da piscina, o que supón un gasto adicional para a instalación e un desperdicio de auga potable. Os traballos incluirán o picado do azulexo actual, que será substituído por unha plaqueta porcelánica de cor branca, previa impermeabilización e reparación de fisuras no vaso da piscina e no depósito de compensación.
Así mesmo, demolerase a canaleta perimetral actual e será substituída por outra cun circuíto en PVC para a condución da auga ao depósito de compensación. Finalmente, substituiranse os circuítos hidráulicos, as bombas dosificadores e as distintas válvulas do sistema de depuración. Isto permitirá automatizar o sistema, xa que actualmente os defectos que presenta obriga á presenza constante dun operario na instalación para controlar e revisar manualmente o sistema.
As obras están incluídas no Plan Complementario da Deputación da Coruña, aprobado en setembro de 2019 polo Pleno do Concello de Frades cos votos a favor do grupo de Goberno e as abstencións do PSOE e do BNG.