Melide, 23 de setembro do 2020 – O concello de Melide ven de poñer en marcha a campaña “Coñece ao teu comerciante” que pretende promover o consumo local dando visibilidade as persoas que están detrás dos negocios.
A campaña foi presentada por parte do alcalde de Melide, Xosé Manuel Pérez e do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas que estiveron acompañados de representantes de perruquerías locais. A esta iniciativa tamén se engade, según explican “a necesidade de poñer en valor ao comercio local como unha opción laboral real de presente e futuro”.
Xosé Igrexas indicaba que “A idea inicial é que todos os comercios da vila estean representados nesta campaña, decidimos comezar polas perruquerías porque é un sector que non se adoita ter en conta cando se realizan campañas de dinamización do comercio local”,
Coñece ao teu comerciante
Cada comercio de Melide, neste momento as perruquerías por ser o primeiro sector en participar na campaña, conta cun cartel onde veñen recollidos todos os detalles e información do establecemento. Estes carteis colócanse en establecementos diferentes para que sexan os propios comercios os que den visibilidade a outros negocios da vila.
A veciñanza de Melide e Comarca poderán beneficiarse da campaña mercando nos establecementos que forman parte desta iniciativa xa que, con cada compra superior aos 20 euros, recibirán un vale de 5 euros de desconto que poderán trocar nos comercios locais participantes.