Compostela, 12 de abril do 2022 – -garantia-basica
Os populares denuncian que ao longo dos tres çultimo anos, desde as pasadas eleccións, non se convocou nunca. Lembran que o regulamento da Comisión de Garantía Básica establece reunións cada seis meses.
A Comisión Mixta da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago foi creada, como órgano de colaboración e control, ao abeiro da disposición adicional terceira da ordenanza aprobada en xuño de 2016, destinada ao impulso de medidas sociais nun escenario de crise no que se ten incrementado a demanda de recursos económicos e sociais, para cubrir necesidades básicas e avanzar na inclusión social de persoas en situación de vulnerabilidade.
Ramón Quiroga, vicevoceiro Popular, explica que da comisión forman parte técnicos municipais e representantes dos partidos con representación municipal. Engade que desde a súa creación no 2016 só se convocou no 2017, 2018 e a última en marzo de 2019.
“Desde a toma de posesión do novo Goberno, non houbo ningunha convocatoria, cando a estas alturas xa se deberían ter realizado, cando menos, cinco reunións”, sinala Ramón Quiroga, para engadir que “este incumprimento, xusto nunha época en que as medidas para necesidades básicas adquiren unha dimensión primordial, está a privar á Corporación dunha canle directa e periódica para recibir información, entre outras cuestións, sobre a avaliación da implementación da renda municipal de garantía básica cidadá, das prestacións de recate social, do seguimento orzamentario e das dúbidas e alegacións presentadas en relación coas medidas de carácter social reguladas mediante a ordenanza correspondente.”