Compostela, 6 de maio do 2024 – Esta semana comezan as Festas da Ascensión, as que segundo os composteláns son as verdadeiras festas da cidade xa que o Apóstolo e máis para os de fora.
Desde este mércores, e ata o domingo, Compostela acollerá comparsas e cabezudos, cantos de taberna, concertos ou os clásico torneo de chave e Feira Cabalar. Pilar Lueiro, concelleira de festas foi a encargada de avanzar o programa, acompañada da deseñadora do cartaz, Minia Banet.
Lueiro recordou tamén que “as atraccións están na Alameda desde o pasado sábado ata o día 19 de maio” e que “atendendo ás demandas de diferentes colectivos sociais de persoas con capacidades diferentes ou altamente sensibles ao balbordo, haberá un horario inclusivo sen ruído os días 4, 11 e 16 de mario entre as 17 e as 19 horas”. Tamén lembrou que na Alameda estará o Punto Lila durante todas as festas “para atender a todas as persoas que o necesiten ou que queiran pasar por alí a informarse”.
Principais citas
Os festexos arrancarán o mércores 8 de maio ás 21:00 horas na praza da Quintana co concerto Santiago 40 POP que contará coas actuacións de David Otero, Bombai, Soge Culebra, Lérica, Mar Lucas, Álvaro Mayo, Álex Márquez e Lontreira, presentado por Dj Óscar Martínez. Ás 22:30 horas a praza do Obradoiro acollerá a continuación a actuación da mítica orquestra Panorama.
O xoves Fillas de Cassandra estarán na Quintana a partir das nove da noite. Ese mesmo día a Orquestra Funçao Públika ás 22 h no Obradoiro.
O venres será a quenda da orquestra Los Player’s a partir das 22 h na Alameda. Un pouco antes, as oit e media da tarde e na Quintana, comezará o Compos Fest cun cartel de luxo: Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas.
No mesmo emprazamento, na Quintana, o sábado 11 terá lugar o concerto Estrella Galicia que contará coa actuación de Billie Marten, e á mesma hora a orquestra Finisterre na Alameda.
A todos estes concertos hai que sumar as tradicionais alboradas interpretadas por agrupacións locais; os dous concertos da Banda de Música (‘Desde a identidade’ e ‘Desde a sétima arte’); ou os ciclos “Folk na rúa” (xoves, 9 de maio) e “Escolas de Baile Tradicional” (sábado, 11 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.
O sábado ademais será a xornada dos Cantos de Taberna e varios locais acollerán as interpretacións de varios grupos cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, a Casa do Taberneiro, na rúa de San Pedro, acolle un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.
Feira Cabalar
O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a tradicional Feria Cabalar no Recinto Ferial de Amio, que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.
E moito mais
Desde a Festa dos maiores, que chegará a súa 25º edición o sábado 11, ata o XLVII concurso de Chave da Ascensión que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá. Teatro coa peza “Adictos” no Auditorio de Galicia o xoves ás 20.30. Monicreques dirixidos á cativada a cargo de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola Producións Artísticas, Títeres Alakrán e Viranvolta Tïteres, todos eles na praza de Mazarelos. Ou a visita teatralizada pola ruta de Valle-Inclán “A barraca de Compostela” que terá lugar por partida dobre, o xoves e o sábado ás 18 horas.
Este ano ademais a Ascensión acolle unha competición que se celebraba no Apóstolo e que cambia de ubicación. O Dron Festival Gaelic GP disputarase o venres e sábado no campo de hóckey da USC no Campus Sur.
E por si faltara algo o palco da Alameda e a Nave de Vidán acollerán o venres e o sábado varias actividades arredor do tango e a milonga que contarán coa presenza do cantante arxentino El Chino Laborde, toda unha referencia en este estilo musical.
Se queredes descargar o programa completo o tedes no seguinte enlace http://santiagodecompostela.gal/medi/Baners/programa_ascension.pdf