Compostela, 20 de maio do 2020 – O concello de Santiago presentou a nova oferta de formación online deseñada polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20.
Son un total de 4.000 novas prazas de formación. Hai un mes abríronse outra 1.500 que xa están cubertas na súa maioría.
Formación desde o móbil
Unha das novidades da convocatoria é o mobile learning, cursos optimizados para ser realizados desde o móbil e que cunha oferta de 3.200 prazas. Con esta convocatoria búscase chegar ampliar a base de usuarios.
Outra das novidades será a formación sobre o Covid19. Estes coñecementos serán dos máis demandados nos próximos meses en sectores como a hostalería ou o comercio polo que poden ser un engadido de valor nos currículums.
O prazo de presentación de solicitudes está xa aberto e rematará cando se esgoten as prazas.
Oferta
As distintas accións formativas divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: “Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita”, “Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal” e “Competencias profesionais, é momento de reinventarse”.
Idiomas
Tras o éxito da primeira convocatoria e tras a demanda reiterada por parte do alumnado a través das redes sociais e páxinas web, ofrécense novos cursos de idiomas, centrados en inglés, con múltiples módulos específicos de inglés no ámbito profesional; ampliando tamén a oferta a outras linguas como portugués, alemán, francés, italiano ou ruso. Hai un total de 427 prazas dispoñibles neste bloque.
Cambio dixital
Neste bloque de 13 cursos poténciase o impulso da transformación social e dixital destinado a empresas e profesionais independentes en seccións como cultura dixital, diversidade e inclusión, fundamentos de negocio e benestar emocional. Trátase de cursos optimizados para mobile learning, compatibles con todos os dispositivos que contarán con 3.200 prazas dispoñibles.
Competencias profesionais e Covid19
Neste bloque, as persoas usuarias dispoñen dun total de 315 prazas en 20 categorías de alta demanda no mercado laboral actual, como son informática, programación, sanidade, enerxía, saúde e nutrición ou o turismo. Destaca un curso de prevención de riscos laborais relacionado coa COVID-19. Inicialmente ofreceranse 100 prazas neste curso, ampliables a 250 se a demanda o requirira.