Lousame, 7 de agosto do 2019 – O complexo medio ambiental do Barbanza denuncia que cada ano 1,5 toneladas de aparellos electrónicos chegan as súas instalacións en medio dos residuos orgánicos.
O Complexo Medioambiental lémbralles ás Administracións locais e autonómica da súa obriga para informar aos cidadáns nesta materia, tal e como recolle o artigo 51 do Real Decreto sobre residuos de aparellos electrónicos e eléctricos.
Uso dos puntos limpos
O Complexo Medioambiental do Barbanza lembra a importancia de depositar os residuos de este tipo de aparellos nos puntos limpos ou nos establecementos comerciais onde se adquiren os novos aparatos. Para certos volumes de superficie comercial están obrigados a recoller este tipo de instrumentos aínda que o consumidor non adquira un novo, tal e como recolle o Real Decreto.
Toneladas de residuos mal depositados
Ante a chegada de contedores con máis de 1,5 toneladas ao ano destes materiais mesturados co resto residuos, á planta do Barbanza lembra a prohibición de depositar estes aparellos nos colectores da rúa, tal e como figura no símbolo que traen marcados os instrumentos desta índole. Estes aparatos conteñen elementos contaminantes na súa composición que afectan negativamente ao medio ambiente e á saúde, como os metais férricos, os plásticos, o cobre ou o aluminio. Por iso, as campañas de sensibilización e concienciación por parte das administracións públicas sobre este tema son indispensables.
A importancia da colaboración de todos os axentes
Para conseguir combater os efectos negativos dos vertidos incontrolados, evitar que os RAEEs se depositen de forma inadecuada así como tamén concienciar á sociedade nesta materia, é relevante que todos os axentes que participan no proceso colaboren: os fabricantes destes aparellos, Administracións públicas, xestores de residuos, asociacións de comerciantes e os propios distribuidores de electrodomésticos.
As campañas informativas e de sensibilización son ferramentas imprescindibles para que a sociedade sexa consciente dos danos que se pode causar ao medio ambiente se non se xestionan e tratan correctamente os aparatos eléctricos e os electrodomésticos. Estes aparellos poden conter cadmio, mercurio, chumbo, arsénico, fósforo, aceites perigosos, e gases que esgotan a capa de ozono ou que afectan ao quecemento global. É por iso, que todas as etapas da xestión, dende a súa recollida, almacenamento, transporte e tratamento deben facerse nunhas condicións seguras, sen mesturar con outros fluxos de residuos (recollida separada) e que eviten manipulacións ou roturas que poidan liberar este tipo de sustancias perigosas ao medio ambiente ou expoñer aos traballadores que están en contacto con estes residuos, durante o seu tratamento a substancias perigosas.
Recursos sen usar
O complexo medio ambiental adivirte tamén que a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza ten concedida dúas liñas de axuda dende o 2017, que ascende aos 184.00 euros, e dos que a día de hoxe, aínda non se levou a cabo ningunha iniciativa.
A axuda concedida foi solicitada na convocatoria de axudas do anterior Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), dentro da liña PIMA Residuos-Compost. Segundo Acordo do 24 de xullo de 2017 da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente polo que se aprobou a distribución territorial dos créditos, a Mancomunidade resultou beneficiaria de dúas liñas de axudas.
Por unha banda para o melloramento da recollida separada de biorresiduos cunha dotación de 147.00 euros. As liñas de actuación consistirían en campañas de sensibilización da sociedade orientadas ao sector hostaleiro, mercados ou comedores escolares para a mellora da separación dos restos orgánicos e así obter compost, con achegas de ecocubos e material didático. Así como tamén para impulsar a recollida da fracción vexetal para destinar a planta de compostaxe e ciclos de formación a responsables da administración local e en centros de ensino, entre outras.
Por outro lado, a Mancomunidade conta cunha axuda para a implantación da compostaxe caseira e comunitaria de case 38.000 euros. Desta volta, estaría destinada para instaurar a compostaxe individual (vivendas con hortas) e comunitaria nos concellos da Mancomunidade do Barbanza, amais para a formación e seguimento dos proxectos.
A día de hoxe, non hai constancia da posta en marcha de ningunha das dúas liñas de axudas e hai que ter en conta o prazo de execución das mesmas, que segundo a convocatoria era de 24 meses cunha prórroga de outros 6 máis, a partires da transferencia do financiamento.
Dende o Complexo Medioambiental do Barbanza, explican que sen a mellora da recollida selectiva da fracción orgánica e resto das fraccións, xunto coa implantación da compostaxe caseira e comunitaria, resultará difícil acadar o obxectivo que marca a lexislación de reciclar o 50% dos residuos domésticos no 2020. Por iso, é urxente a posta en marcha desta liña de axudas, que superan os 184.000 €.