Compostela, 25 de xuño do 2019 – Este xoves 27 comeza o ciclo Terrazeando con María Guadaña na Praciña do Olvido as oito da tarde.
Remedios paganos, o primeiro traballo de María Guadaña, é unha puñalada no corazón, o manifesto dunha artista que pode lembrar a moitos pero non se parece a ninguén.
Rock de arrabalde, post punk melancólico, folclore urbano ou cabaret milenarista, é difícil definir a súa música. María Guadaña consegue estremecer sen recorrer a máis recursos que a súa agridoce garganta, a poesía da súa pluma e a impedimenta das súas vimbias musicais que a entroncan con artistas como Lhasa de Sela, PJ Harvey ou Mark Lanegan.
O ciclo TerraZeando chega a oitava tempada, con cinco noites e nove propostas musicais. Desconcerto Cultural, unha asociación sen ánimo de lucro que promove a iniciativa, volve apostar por grupos e artistas con personalidade e cun discurso único e singular, tanto aquí como alá, así como máis aló. TerraZeando é música, xardíns e pequenos espazos da cidade, lugares escondidos, orgánicos, que combinan beleza, fraxilidade e singularidade. Unha especie de ecosistema que nos evoca aos endemismos máis estraños. Con esta premisa, Jorge Vicente, creou unha imaxe de TerraZeando 2019 baseada en cinco especies de flora únicas de Galicia. Cinco especies en perigo de extinción para envolver cinco concertos únicos e irrepetibles.