Bisbarra, 7 de xaneiro do 2021 – A Confederación Intersindical Galega, CIG, advirte da posibilidade dunha folga no transporte interurbano e escolar se non se resolven os problemas detectados.
O sindicato fai fincapé nos problemas xerados pola subrogación do persoal por parte das empresas de transporte adxudicatarias das novas liñas. Denuncian así mesmo a posibilidade de que aumenten as contratacións temporais e empeoren as condicións laborais do sector.
Condutores e acompañantes
Moitos dos problemas no transporte afectan aos condutores subrogados pero, de xeito especial, aos acompañantes. O setenta por cento das concesións foron asignadas á empresa Monbus que, en consecuencia, acumula tamén a maioría das queixas.
A Central CIG explica que “Por exemplo, na área da Coruña-Ferrol teñen xente subrogada na casa sen traballar, mentres que noutros casos non se compren os descansos de condución obrigatorios”. O sindicato ten solicitada unha reunión coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, “pero a Xunta está desaparecida”, denuncia.
Na bisbarra de Compostela algunhas das rutas máis afectadas son as que xestionaba Autobuses de Calo e que unen Ames con Santiago. Según puido saber Lindeiros.gal o malestar dos condutores subrogados é grande e a situación pode ser similar en outros lugares.
A respecto do servizo de transporte escolar, cuxos contratos foron sacados a concurso a semana pasada, lembran que a subrogación afectará a 2000 traballadores. Moitos de estes empregados non compren as condicións polo que o risco de despedimentos é real. CIG critica que a Consellería de Educación non quixese consultar coa representación sindical a elaboración dos pregos como si fixo a de Mobilidade no seu momento “polo que os pregos do transporte escolar son moi inferiores en dereitos laborais aos do transporte interurbano”.
Xunto a todo isto tamén se sinala que ao tratarse de transporte escolar unicamente, sen incluír outros servizos, a carga de traballo non vai ser suficiente para completar a xornada de traballo e “En consecuencia, o contrato tipo vai ser a tempo parcial, e os/as traballadores/as que sexan subrogados/as a tempo completo van ver reducida a súa xornada laboral”.
FGAMT-CIG urxe a intervención inmediata da Xunta para resolver estas problemáticas e evitar deste xeito tanto que se poidan producir despedimentos como que se empeoren as condicións laborais do persoal deste sector. “Do contrario, non descartamos incluso promover unha convocatoria de folga”, conclúe.