займ срочно

Val do Dubra terá servizo de estimulación para persoas con demencia

0

Bisbarra, 9 de abril do 2024 – O concello de Val do Dubra disporá dun servizo de estimulación terapéutica para persoas con demencia.

O novo servizo nace grazas á colaboración coa asociación Agadea Alzhéimer e conta co apoio da Xunta de Galicia. Val do Dubra contará desde maio con esta oferta durante tres días á semana.

Este servizo ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos maiores, así como fomentar as relacións interpersoais, ao mesmo tempo que contribúa ao respiro familiar.

Contará con profesionais de fisioterapia, psicoloxía, educación social, traballo social e xerocultoras. A primeira das accións serán as valoracións que realizará a psicóloga da entidade, Taida Sánchez, en Val do Dubra para determinar o grao de afectación.

O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, e a concelleira de Servizos sociais, Carmen Vilacoba, asistiron á presentación, xunto coa psicóloga de AGADEA, Taida Sánchez e a coordinadora da zona de Santiago, Lucía Fandiño.

O goberno local destacou a importancia deste servizo para a veciñanza, que se sumará á ampla rede de apoio do departamento de Servizos Sociais. Pola súa parte, a representante de Agadea, Lucía Fandiño explicou que a entidade conta cunha “ampla experiencia” neste tipo de terapias que “son fundamentais para retardar o deterioro cognitivo”.

Actualmente lévanse a cabo en concellos como Santiago de Compostela, Ribeira, Rianxo, A Estrada, Vedra, Trazo e Teo, onde se constatou a súa efectividade.

As actividades para realizar son, entre outras, “orientación á realidade, estimulación da memoria recente e a largo prazo, laborterapia, psicomotricidade, xerontoximnasia e terapias innovadoras”.

Este novo servizo de Estimulación Terapéutica realízase no Centro de Maiores de Val do Dubra de luns a mércores en horario de 10 a 13h, a partir de maio. As persoas interesadas poden recibir máis información nos Servizos Sociais do concello (t. 981 88 90 00) ou en AGADEA (t. 722 743 092)

Formación

O Concello de Val do Dubra e a entidade Agadea Alzhéimer retoman, desta maneira, a súa colaboración iniciada no 2019 con charlas informativas. Hoxe mesmo celebrouse a primeira delas baixo o título ‘Conociendo el Alzhéimer’.

Share.

Comments are closed.