Bisbarra, 20 de maio do 2024 – Crece o malestar e o posicionamento da veciñanza de Val do Dubra contra o vertedoiro que se quere instalar en Niveiro.

O pasado xoves tivo lugar unha concentración diante do concello de Val do Dubra e o venres unha reunión informativa, convocada polo equipo de goberno e pola Asociación Medioambiental de Niveiro, para explicar a situación actual do conflito.

O equipo de goberno explicou que se traballa coa asesoría xurídica e coa empresa que realizou o informe medioambiental, que se presentou como alegación, para decidir que novas medidas administrativas se poden tomar.

O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz Méndez, dixo que a vontade é “esgotar todas as vías xudiciais, administrativas coma sociais para que unha instalación deste tipo non se instale en Val do Dubra xa que non aportaría ningún beneficio, en absoluto, ás nosas parroquias e concellos limítrofes”.

A Asociación Medioambiental de Niveiro dixo que, aínda que levaban dous anos loitando co apoio do concello, era agora cando comezaba a facerse visible o problema. Denunciaron ademais que rexeitan “o proxecto dun vertedoiro en Niveiro que tentan encubrir coma rehabilitación dunha vella canteira”.

Desde a asociación explican tamén que non se opoñen á rehabilitación e lembran que en realidade rehabilitouse de xeito natural tras máis de vinte anos sen actividade. Engaden que “Isto non se fai soterrando lixo no medio dos veciños, a escasos metros, e apuntamos ben: metros, das casas habitadas diariamente por familias. Familias que nalgúns casos viven dos seus animais, máis de 1.000 cabezas de gando leiteiro, entre outras, ou do que a terra nos dá co noso traballo para alimentarnos”.

Engaden que tras dous anos redobran os esforzos de visibilización porque “agora é cando a xustiza, unilateralmente e sen posibilidade de recurso, lle dá a razón a unha empresa en contra do que o goberno local advertía. Non é viable a construción de dito vertedoiro no medio das casas. Este proxecto xa se detectou dende un primeiro momento coma insalubre para a poboación e para o medio ambiente”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies