Ames, 5 de xullo do 2022 – Dentro dun mes, o venres cinco de agosto, chegará a decimo primeira edición dunha das cotas clásicas do verán amiense: o Millarock.
O rock galego volve ao Milladoiro nunha cita que contará con Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai. Toda unha descarga de forza que converte ao Millarock nunha cita imprescindible que terá entrada de balde e aforo limitado.
Organizado pola concellaría de Cultura do Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna do municipio. A presentación tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro coa presenza da concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González; da técnica de Cultura do Concello de Ames, María Vázquez; de Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas; de Ángela Vila, representante de Chicharrón e de Samuel González unha das voces de The Rapants.
A concelleira Natividade González, aproveitou a ocasión para louvar o espírito do Millarock “Levamos seis anos apostando de forma continuada por este festival e eu creo que é totalmente necesario porque trae ao noso concello rock en galego, grupos locais e grupos en feminino. Once anos despois o Millarock segue fiel ao seu estilo”.
A técnica de Cultura, María Vázquez destacou que o Millarock é un festival consolidado “Trátase dunha cita consolidada en Ames, hai que recordar que fixemos o Millarock en plena pandemia. Cando era impensable sentar aos amantes do rock nos fixémolo e enchemos 400 cadeiras”.
Francisco Gómez Seijo (Gandy) deu as claves do éxito do Millarock “Ames é un concello roqueiro de base pero, ademais, coida ao país con ese rock en galego, dálle pulo aos grupos emerxentes e destaca polo feminino. Aquí pásase ben, o Millarock é unha cita roqueira que non se pode perder”.
Millarock 2022
The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. O estilo destes catro mozos apóiase en temas animados e directos cargados de enerxía. As súas letras falan de amor, desamor, mocidade ou festa; todo cunha base musical baseada en ritmos disco e guitarras indies.
Battosai son Héctor, Nolo e Gus que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo. Froito desa fusión xurdiron os seus primeiros singles “Cuánto Tiempo” e “12:21” e o seu primeiro LP “Battosai”.
Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock an roll feito en galego. Biribirlocke destaca pola enerxía coa que soben ao escenario e polo uso de cordas e ventos o que orixina un rock and roll moi particular.
Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014. A banda está formado por Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén ao teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería. Destacan por un estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica, un estilo que segue moi presente no seu último disco “Erosión” publicado en 2022.