займ срочно

Comezan as obras do Polo Biotecnolóxico de Galicia  en Compostela

0

Compostela, 15 de decembro do 2021 – Este martes presentouse o proxecto do edificio que albergará, en Compostela, o núcleo central do Polo Biotecnolóxico de Galicia.

Unha construción tecnlóxica e eficiente de 2.500 metros cadrados. O corazón do Polo Biotecnolóxico acollerá 18 laboratorios e terá que estará finalizado en decembro de 2022

Acordo da Sionlla

O acto forma parte dos pasos marcados polo chamado Acordo da Sionlla que formou no seu día unha Mesa institucional, con participación das distintas administracións, para impulsar o Polo Biotecnolóxico. A el asistiron o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; e o representante do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago, Francisco Negreira del Río; así como representantes doutras entidades colaboradoras.

Na reunión, presentouse a imaxe corporativa do Polo así como o proxecto construtivo do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB). O presidente da AAET destacou os froitos da cooperación privada-pública “Hoxe poñemos a primeira pedra de forma simbólica dun centro e un espazo que pretenden ser un conglomerado de empresas innovadoras de carácter industrial”.

Alborés lembrou que comezaron a traballar nunha mesa dúas ou tres persoas nun despacho da Asociación, esforzo que finalmente culminou na Mesa da Sionlla. Tras seis anos de múltiples reunións e traballos previos, explicou que xa hai unha ducia de firmas que manifestaron a súa intención de establecerse no Polo e indicou que dentro dun ano inaugurarase o edificio, tempo durante o cal se deseñará un plan de negocio para seguir “buscando aliados e empresas para dotar de verdadeiro contido e maior identidade ao proxecto”.

Alborés quixo recalcar que o proxecto é unha aposta de longo percorrido que, aproveitando as fortalezas de Santiago en biomedicina, pretende dar un salto de cantidade e calidade ao entramado empresarial. “A pandemia, que non termina de pasar, puxo de relevo a imperiosa necesidade de crear tecido industrial; máis aínda nunha cidade como a nosa, onde padecemos un peso excesivo do sector servizos”.

O alcalde, pola súa banda, amosouse convencido de que esta iniciativa contribuirá á transformación da cidade ao permitir “desenvolver un tecido industrial e produtivo vinculado ás novas tecnoloxías”, que ademais “creará novas oportunidades de emprego para unha xeración de investigadores” que tradicionalmente tería que  desenvolver a súa carreira profesional fóra.

Francisco Conde trasladou que o centro, apoiado pola Xunta no marco do Polo da Sionlla de Santiago, é unha mostra do compromiso de Galicia por impulsar o sector biotecnolóxico a través dun espazo propio para crecer, consolidarse e atraer talento. “O obxectivo é deixar pegada industrial e seguir sumando entre todas as administracións e entidades implicadas para consolidar na Comunidade autónoma unha industria baseada na I+D+i, no talento e no coñecemento” –salientou–.

Situación estratéxica a carón da AP-9 e do aeroporto

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que o compromiso da Xunta co tecido produtivo materializouse na adopción de decisións estratéxicas para as empresas biotecnolóxicas, que facilitan o seu día a día. A conselleira referiuse ao feito de reservar solo empresarial en exclusiva para este tipo de entidades, de xeito que se dispuxeron 7 parcelas para garantir a implantación dun proxecto integral, o que se traduce en sinerxías.

Novas posibilidades de mercado para empresas de base tecnolóxica

No súa quenda, Vicente Pérez indicou que facer realidade espazos que favorezan a convivencia da xeración de coñecemento e a ciencia co ecosistema empresarial é sempre unha boa nova á que a Universidade non pode ser allea. “A existencia do Polo é unha realidade necesaria que favorecerá a posibilidade de sinerxías que dean pulo ao proceso de transferencia desde as ideas xurdidas nos laboratorios ata a seu desenvolvemento como proxectos empresariais ou industriais tanxibles”.

Tamén o vicerreitor apuntou que o Polo da Sionlla permite sinalar no mapa un punto de referencia preciso para todos os axentes implicados na definición do sector das biotecnoloxías: universidade, administración e empresas. “A este punto están chamados a concorrer empresas interesadas neste sector, pero tamén os grupos universitarios de investigación implicados na xeración de coñecemento neste ámbito ou empresas de base tecnolóxica que exploran novas posibilidades de mercado.

Pola súa parte, Francisco Negreira recoñeceu “o empuxe e as ganas do equipo do Tambre sen o que hoxe non existiría o Polo”. Sinalou que se trata dunha historia de colaboración e de esforzo conxunto, un exemplo de como a colaboración dá froitos cando as cousas se fan desde o interese sincero pola mellora da sociedade.

Edificio modular con criterios funcionais, de implantación e sostibilidade

O CSIEB, como primeira infraestrutura do Polo Biotecnolóxico de Galicia, foi deseñado polo estudio de arquitectura IDOM Arquitectura. Os servizos ofertados polo CSIEB inclúen a utilización temporal de 18 laboratorios modulares para realizar actividades de I+D+i, en particular actividades de pre-produción, modelado, prototipado e análise de viabilidade da investigación realizada. Igualmente poderá acoller proxectos de empresas que xa superaran a fase de investigación/incubación e que entran na de pre-produción, así como a provisión de servizos auxiliares para o uso de equipamento compartido, complementado con outros de carácter transversal que proporcionará instalacións de uso común (despachos, salas de reunións, etc.). Será un edificio tecnolóxico e eficiente de 2.500 metros cadrados con espazo para entre 18 e 22 empresas.

Segundo explicou o arquitecto Galo Zayas, o obxecto do proxecto é xerar un edificio que atenda ás demandas de flexibilidade e especialización que ten un uso destas características. Para logralo, seguíronse unha serie de criterios funcionais e propúxose un edificio modular con todos os usos principais situados nunha única planta. A partir do módulo base, un laboratorio de 63 metros cadrados de superficie, proponse a súa agrupación en unidades de maior tamaño que permita adaptar o edificio ás demandas dos futuros usuarios. Están previstas 18 unidades que se agruparán en catro corpos de cinco e catro laboratorios cada un, ordenados a ambos lados dun corredor central. Cada un destes módulos ten unha altura libre de 4,45 metros para facilitar a distribución no seu interior de todas as instalacións necesarias, permitindo que nun futuro se proceda a súa ampliación ou modificación.

No extremo nordeste do edificio localizarase o Laboratorio de Equipamento Compartido polas distintas empresas que se implanten no edificio. Na zona inmediata á área pública do edificio, situaranse as dúas oficinas previstas para ofrecer apoio de software ás empresas de investigación que se instalen no centro. Por último, na zona central haberá dúas salas, tamén de uso compartido, que albergarán a sala de cultivos celulares, a sala de centrífugas e a sala de auga destilada.

Complementando os dous corpos nos que se agrupan todos os laboratorios, o edificio terá unha terceira parte, situada na zona máis pública da parcela, inmediata ao acceso, na que se agruparán as áreas máis públicas e os servizos comúns: catro salas de reunións separadas con tabiquería modular que permite que se agrupen para xerar un espazo para encontros de maior tamaño, presentacións, etc. Tamén está prevista unha área de co-working e outra de descanso e networking que contará cunha terraza exterior para facilitar os intercambios informais entre os distintos usuarios.

Zayas explicou que o proxecto segue tamén uns criterios estritos de integración, co fin de garantir unha axeitada implantación do edificio na súa contorna, que se pretende transformar nun novo campus de investigación. Para alcanzar este obxectivo, seguiranse dúas estratexias: a división do volume lonxitudinal e tratar a cuberta como unha quinta fachada. E en conta á sostibilidade, o proxecto contempla un sistema de control solar en fachada, ventilación natural cruzada nas zonas públicas, plantación de árbores no exterior, iluminación natural, elevado illamento térmico na envolvente de fachadas e cuberta, e uso de materiais respectuosos co medio ambiente.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies