Compostela, 18 de febreiro do 2021 – Compostela Aberta pedira ao concello que actúe para conseguir pistas de atletismo homologadas na cidade.
O grupo levará a pleno unha moción pedindo a posta en marcha de accións que consigan unhas pistas que permitan a celebración de competicións oficiais de atletismo en Compostela.
Campus Sur e estadio Vero Boquete
O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro explicou en rolda de prensa que unha das saídas sería impulsar convenios coa USC, para o arranxo da pista do Campus Sur; e coa Deputación da Coruña e
a Xunta, para a mellora das pistas do estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Nos dous casos, as instalacións poñeríanse a disposición dos clubs de atletismo de Compostela.
Xan Duro lembra que “máis dunha vintena de clubs reivindicaron xa a homologación das pistas da capital galega en decembro de 2019, coincidindo coa celebración da última CorreSan dese ano, e o Concello está na actualidade nunha boa posición económica para darlle resposta”. Ademais, o edil salientou que “en Santiago hai case un
milleiro de persoas con licenza federativa para a práctica do atletismo, existe unha alta demanda dunhas instalacións acaídas para esa disciplina e, sobre todo, é incomprensible esta carencia na capital do país”.