займ срочно

Alguén que respira!, poesía en Compostela

0

Compostela, 18 de setembro do 2020 – Compostela acolle desde esta fin de semana o festival de poesía Alguén que respira! que reunirá a máis de corenta artistas.

O Teatro Principal será a sede de Alguén que respira! que foi presentado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, xunto co director do mesmo, Antón Lopo, que coordina un equipo formado por Manuel Martínez no deseño, Baltasar Patiño na iluminación, Cecilia Carballido na produción, Iris Cochón na coordinación literaria e Alexandre Fernández Peón en comunicación.

Ata o próximo luns exhibiranse experiencias nas que se mesturan a poesía coas performances, a música, o teatro ou o audiovisual. O lema desta nova edición, Vós escribides o poema, mostra o compromiso co público do festival.

Alguén que respira!, poesía en CompostelaProgramación

O programa inclúe o sábado 19, a partir das 21 horas, unha homenaxe á recentemente falecida Luz Pozo Garza, poeta que escribiu o manifesto deste ano. Ademais da lectura do texto –que realizará Nieves Neira–, proxectarase Luzazul, gravación reeditada especialmente para o festival de distintos vídeos da poeta con produción do propio festival e montaxe de Margarita Morello.

Pouco despois terá lugar o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas. Ese mesmo 19, pero pola mañá, a partir das 12:30, está prevista unha sesión de regueifa con algúns e algunhas das regueifeiras con maior pericia do país, Lupe Blanco, Josiño da Teixeira, Olalla da Prica e Manolo de Burela.

Pola tarde e antes do recital inaugural, preséntase unha proposta singular, proxectada para o festival e realizada polo seu equipo artístico. Na dirección Antón Lopo e Baltasar Patiño na iluminación. A documentación foi de Séchu Sende e o espazo sonoro un deseño de Ana Romaní e Chus Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios. Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel. Charo Lopez, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio List e Millán Fernández son os performers que nos achegan os seus corpos para a particular lectura.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín que supón o seu regreso á linguaxe poética. A esta peza, que poderá verse o venres ás oito da tarde, súmase a homenaxe que o festival lle rende ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, Fran Cortegoso, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderán escoitarse e verse a case cincuenta poetas, algunhas delas inéditas en Galicia. A poesía en catalán terá unha sesión específica o domingo día 20 pola mañá con André Targa, Pol Guasch e Pau Vadell.

Entre os nomes incluídos no programa, figuran ademais Lara López, María Lado, Rafa Lobelle, Carlos Quiroga, David Trashumante, O Leo ou Rosalía Fernández Rial.

Entradas

As entradas poden reservarse na billetería do propio Teatro Principal ou na web de Compostela Cultura, con adecuación no aforo ás normas do protocolo de prevención da covid-19.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies