Padrón, 4 de xuño do 2020 – O concello de Padrón será o primeiro concello da bisbarra en abrir un autocine no campo municipal do Souto.
Trátase dunha idea que circulou polas redes case desde o inicio da pandemia. Unha alternativa de ocio típica dos Estados Unidos e inédita na bisbarra de Compostela. O autocine permite disfrutar das películas en familia e manter, ao mesmo tempo, as condicións de seguridade sanitaria de obrigado cumprimento.
A concellería de Turismo e Cultura de Padrón, é a responsable de esta idea; a concelleira Lorena Couso sinala que “esta é unha das iniciativas nas que traballamos para animar a vida social e cultural da nosa vila nestes tempos tan complicados, para nós é moi importante seguir dinamizando Padrón e presentar propostas que melloren a vida da nosa veciñanza”.
Esta é unha iniciativa conxunta coa empresa UFATEC e posta en marcha coa colaboración da Asociación Radioaficcionados (Asorapa). UFATEC é unha empresa con máis de 15 anos de experiencia no sector tecnolóxico e ubicada en Padrón, que ofrece solucións eficientes e áxiles a todas as demandas relacionadas coa tecnoloxía.
Sesións infantís e de adultos
A primeira sesión do autocine terá lugar o venres 12 de xuño coa estrea de ‘Toy Story 4’. A idea é que os venres se proxecten filmes para o público infantil, e os sábados para público adulto. Por tanto, o sábado 13 de xuño a película da que se poderá desfrutar neste novo espazo é ‘O que arde’. As seguintes sesións de autocine terán lugar o venres 19 e o sábado 20 de xuño.
O autocine de Padrón situarase no Campo do Souto, a entrada será de balde previa recollida e terá capacidade para un total de 60 vehículos. As entradas estarán dispoñibles a partir do luns 8 de xuño, e poderán recollerse no Centro Social.