Bisbarra, 20 de abril do 2020 – A FGAMT-CIG pide que se fagan test a todos os traballadores de ambulancias xa que este persoal tamén estivo utilizando as máscaras que o Ministerio retirou por defectuosas.
Os sindicato explica que se trata de evitar a expansión dos contaxios e medir o alcance da enfermidade entre o colectivo laboral. A petición reviste máis urxencia logo da retirada das máscaras 95 Garry Galaxy, que estivo empregando o persoal sanitario incluído o de ambulancias.
O responsábel da CIG-Transportes, Xesús Pastoriza, engade que o venres a Xunta procedeu a retirar e a cambiar estas máscaras por outras novas, “pero isto non evita o posíbel contaxio do persoal de ambulancias que estivo traballando con elas durante días crendo que estaba protexido, nin o das persoas que tiveron contacto con estes traballadores e traballadoras”.
A CIG pide que se identifique a todo o persoal que estivo en exposición de risco, cunha falsa protección, e se proceda de inmediato á realización do test que corresponda, máxime cando dende a propia Xunta acaban de anunciar publicamente que se realizarán 100.000 test de Covid19 entre a poboación galega.