Touro, 3 de febreiro do 2020 – Os colectivos que apoiaron a loita contra o proxecto mineiro de Touro seguirán reclamando a restauración da contorna da mina.
Nunha rolda de prensa as organizacións e colectivos explicaron que tomaron a decisión de “seguir adiante fiscalizando e esixindo a
restauración da antiga mina e a súa contorna. O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar”.
Estas organizacións mostraron tamén a súa preocupación pola nova lei en trámite “somos conscientes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá”.
Unidade
Na rolda de prensa insistiuse en que a unidade de todos foi fundamental para lograr a paralización. Explicaron que a presión social e as actuacións da fiscalía de medio ambiente foron as que provocaron a declaración negativa. Tamén acusaron a Xunta de Galicia de actuar cun interese “que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora”.
Mostraron tamén a satisfacción pola unidade lograda sendo tantos os colectivos afectados e tan distintos ” gandeir@s e labreg@s, cooperativas agrarias,, veciñ@s, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas”.